CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A radionovela 'Os pobres si que choran' chega á Radio Galega e está tamén dispoñible na oferta de RadioGalegaPodcast.gal

18/06/2022

Cun total de 250 capítulos, de 7 minutos de duración, poderán escoitarse cada fin de semana de 12.00 a 13.00 horas

RadioGalegaPodcast.gal estrea, amais, o vindeiro xoves, o podcast ‘Un ollo de vidro’, inspirado en relatos e contos de grandes autores

O proxecto podcast da Radio Galega segue crecendo con novos contidos, dispoñibles tamén en Spotify e en iTunes

A radionovela 'Os pobres si que choran' chega á Radio Galega e está tamén dispoñible na oferta de RadioGalegaPodcast.gal

Santiago, 17.6.2022.-  A radionovela ‘Os pobres si que choran’ regresa este sábado á grella da Radio Galega cun total de 250 capítulos, duns 7 minutos de duración cada un, que poderán escoitarse de novo na emisora pública cada sábado (12.00–13.00 h.) e, tamén a calquera hora, en RadioGalegaPodcast.gal desde a próxima semana.

Para a súa volta este sábado, a Radio Galega ofrecerá o especial ‘Buserana: o reencontro’ (12.00 horas), presentado por Cristina García, na compaña de Xusto L. Carril e Carlos Jiménez, amais de parte do elenco da radionovela. Cada sábado deste verán, os oíntes poderán seguir as sucesivas entregas da radionovela e, a partir do luns, os primeiros episodios xa estarán dispoñibles en formato podcast en RadioGalegaPodcast.gal.

Esta ficción, idea orixinal e guións da xornalista Cristina García, emitiuse con éxito a diario durante 2003 e 2004, como parte dun concurso, en que se poñía a proba a atención dos oíntes incorporando unha serie de cazapos da lingua que os oíntes tiñan que detectar. A radionovela conserva os cazapos da súa emisión inicial e, como a súa interpretación se facía en directo, nalgúns momentos apreciaranse risas e outros detalles e anécdotas das actuacións. Na radionovela participan moitas voces, tanto da emisora como da TVG ou do mundo da política e o espectáculo, como Roberto Vilar, Víctor Fábregas, Xosé Ramón Gayoso, Terio Carrera... No elenco principal de ‘Os pobres si que choran’ destacan os personaxes interpretados por Xusto López Carril, Susana Llorente, Susana Rois, Carlos Jiménez e a propia Cristina García.

‘Os pobres si que choran’ ten como protagonistas Os Carril, unha próspera familia galega emigrada ao Brasil, onde posúen unha cadea de restaurantes de luxo. Un mal investimento do pai fai que teñan que regresar a Buserana, a súa aldea natal en Galicia, onde se farán cargo dunha churrasquería. En Buserana hai só 50 habitantes, pero cada capítulo servirá para familiarizarse con algúns deles. Os Carril irán adaptándose á súa nova vida, algúns membros con máis dificultade, pero, sobre todo, daranse de conta de que os pobres si que choran.

‘Un ollo de vidro’, nova estrea este xoves en RadioGalegaPodcast.gal
    
O xoves 23, RadioGalegaPodcast.gal lanza un novo podcast, ‘Un ollo de vidro’, programa de ficción que se inspira en contos e relatos de grandes autores, creado por Isidro Cea.

Deste xeito, a Radio Galega segue consolidando o proxecto podcast radiogalegapodcast.gal, nado a finais de 2021, coa suma de novos contidos e podcasts nativos dixitais á marxe dos patróns horarios da radio e coa vontade de alcanzar diferentes públicos niño. Así, ao pioneiro ‘Superando a ficción’, que vai pola segunda tempada, uníronse outros 39 podcasts como, entre outros, ‘A fin do mundo’, ‘Como que non?’, ‘Estudio 3. Desclasificados’, ‘Moito ollo’ e ‘Hey, ho, let’s go!’. A plataforma está tamén dispoñible en Spotify e en iTunes, e co que se sitúa nos novos espazos de consumo da audiencia.