CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega xa se pode oír desde os dispositivos intelixentes Alexa

14/01/2020

A emisora pública galega dá os primeiros pasos na súa distribución a través dos medios propiamente dixitais e achégase máis á cidadanía para que os oíntes escollan cando e onde oíla

A Radio Galega xa se pode oír desde os dispositivos intelixentes Alexa

Santiago, 14.01.2020.- A Radio Galega xa conta coa súa destreza para altofalantes intelixentes e pode escoitarse desde todas as plataformas habituais de consumo, en que se inclúen estes dispositivos intelixentes. Os oíntes que activen esta ferramenta poderán acceder á emisora pública desde calquera dispositivo Alexa dispoñible.

A emisora pública galega engádelle á audiencia a facilidade de poder escoitala  onde e cando queira desde os dispositivos e emuladores de Alexa, pertencentes a Amazon. Para conseguir isto, tan só hai que dicirlle a Alexa: “Alexa, pon Radio Galega Galega”, “Alexa, abre Radio Galega”, ou “Alexa, lanza emisión galega”, entre outras peticións. Esta ferramenta é totalmente de balde e, a través dela, poderase escoitar a Radio Galega en directo desde calquera lugar do mundo.

Deste xeito, a radio pública de Galicia dá os primeiros pasos na súa distribución a través dos medios propiamente dixitais. Ata o momento, só se pode oír a RG, pero Xosé Pereira, director da área de Innovación da CRTVG, asegurou en declaracións á Televisión de Galicia, que Radio Galega Música tamén estará dispoñible para os dispositivos Alexa proximamente.

As emisións da Radio Galega poden seguirse as 24 horas do día a través das tres canles na FM e na TDT, na web radiogalega.gal e a través dos dispositivos móbiles.