CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega transfórmase cunha forte aposta polo territorio e a cultura

10/09/2018

A emisora pública contará con seis puntos de directo cada mañá e cada tarde en Galicia e ampliará a duración dos seus informativos

O 'Diario cultural' dobrará a súa duración de luns a venres e terá tres edicións en directo na fin de semana, baixo o paraugas da aposta #Cultura365 da CRTVG

A proposta deportiva da Radio Galega fortalecerase cunha aposta global polo fútbol e o baloncesto

A Radio Galega transfórmase cunha forte aposta polo territorio e a cultura

Santiago, 10.09.2018.-  A Radio Galega acometerá unha profunda transformación na súa grella de programación a partir dunha estratexia baseada no despregamento de xornalistas para a cobertura do territorio, a posta en marcha dunha nova estratexia cultural e a ampliación dos espazos deportivos cunha aposta centrada na cobertura total do fútbol e o baloncesto.

Os informativos e principais programas incrementarán a súa duración para integrar a cobertura dos asuntos de carácter local e dos contidos especializados con seis puntos de directo cada mañá e cada tarde. Así, o 'Galicia por diante' emitirase entre as 06:00 e as 14:00 h. combinando a información e o entretemento. O tramo informativo, ata as 09.30 h., estará dirixido por Xosé Valiñas e contará con novas seccións e a colaboración do xornalista Fernando Ónega, o investigador Anxo Carracedo e a profesora da Universidade da Coruña Laura Castro.

A 'Crónica das dúas' ampliará tamén o seu horario para emitirse entre as 14:00 e as 14:45 h., dedicando este último cuarto de hora á información de ámbito local e comarcal, baixo a dirección de Silvia Pereira. Mentres tanto, 'A Crónica' de Manuel Estévez, que dobra a súa duración, ofrecerase entre as 20:00 e as 21:00 h. con espazos dedicados á actualidade xeral, local e especializada.

E a partir das 22:00 horas, de luns a xoves, Luis Ojea modera novamente o tempo de análise cos principais colaboradores da Radio Galega. Ao equipo de colaboradores súmase o xornalista Ricardo F. Colmenero, recoñecido este ano co premio de xornalismo Julio Camba. Os informativos da fin de semana, con Celia Rúa á fronte, ofrecerán como novidade dúas edicións de 'Galicia por diante' tanto o sábado coma o domingo entre as 08:00 e as 12:00 h.

Antón Rebollido será o novo director de 'A tarde', programa que cambiará o seu formato para dar maior cobertura ao territorio galego con puntos de directo por toda a xeografía. De catro a oito da tarde ofrecerase á audiencia información, entretemento e espazos de participación con persoas expertas en consumo, medicina, dereito, maternidade e seguridade viaria.

Da programación destaca tamén a forte aposta pola información cultural baixo o paraugas da estratexia #Cultura365 da CRTVG, con programación cultural os 365 días do ano na Radio Galega e na Televisión de Galicia.

O 'Diario cultural', amais de aumentar a súa duración a unha hora e corenta minutos repartidos en horarios de máxima audiencia de mañá e de tarde para chegar a un maior número de persoas, ofrecerase en directo tamén na fin de semana e contará coa súa propia canle dixital, que albergará contidos audiovisuais, as “caras B” dos programas (como se fan, como se gravan…), os podcast e tamén unha achega exclusiva de todos os colaboradores de cultura da nova temporada.

Traballará sobre eses contidos un amplo departamento de nova creación que seguirá co consolidado 'Diario cultural'. O veterano programa da emisora pública cambia de formato para converterse nun elemento estrutural da nova grella. Realizaranse catro edicións diarias. Isto supón que se duplica o tempo de cultura diario na Radio Galega, que pasa de 50 minutos a 100 (unha hora en corenta minutos) en máis faixas horarias, o que significa máis diversidade de público con acceso á cultura. Igual sucederá tamén na fin de semana, que contará como novidade con outras tres edicións en directo do “Diario Cultural” que agora mesmo non existen.

María Solar será a coordinadora de Cultura da CRTVG. É un dos rostros máis coñecidos da canle e unha das escritoras máis premiadas do panorama galego actual. Solar comezou a súa andaina hai máis de vinte anos na Televisión de Galicia e a Radio Galega, onde presentou e dirixiu diversos programas de todos os xéneros, xa que a súa formación é tamén poliédrica.

A Radio Galega reforza a madrugada de luns a domingo, coa ampliación do programa 'Pensando en ti”, que arrancará á unha da madrugada. Marcial Mouzo terá máis colaboracións e seccións de luns a venres e Viti González seguirá a fronte da edición de fin de semana.

A programación especializada da Radio Galega volverá estar liderada polos programas 'Ferrado e medio' e 'Mar de Ardora', sábados e domingos ás 07:00 horas respectivamente, baixo a batuta de Xusto López Carril. Continuarán os programas 'Un país mundial', de Belén Regueira; 'Arredor de nós', de Isabel Freire; 'Lambóns dixitais', de Carlos García Verdugo; 'Sala 5', de Begoña Vázquez; e 'Efervesciencia', de Manuel Vicente. A Radio Galega abrirá a veta do humor a partir da medianoite venres e sábado con 'Déitate', de Carlos Jiménez, e o domingo con 'Como que non?', de Carlos Tresandí.

Forte aposta polo deporte

Da proposta deportiva da nova grella destaca a creación de dúas marcas que estarán vencelladas ao mítico 'Galicia en goles': 'Zona mixta' e 'Ao contraataque”. O primeiro programa, con Carlos Alonso á fronte e centrado na información e análise do mundo deportivo, emitirase de luns a venres entre as 15.00 e as 16.00 h.; o segundo, dirixido por Pedro Pablo Alonso realizarase na faixa nocturna, entre as 23.00 e as 00.00 h., de domingo a xoves. O 'Galicia en goles' incorpora unha edición os venres de 21:00 a 00.00 h. e mantén programación os sábados e domingos, a partir das 15.00 h., baixo a dirección de Xoán Galán.

A Radio Galega reforzará a súa aposta polo deporte da canastra, transmitirá en directo todos os partidos que xoguen o Obradoiro e o Breogán e ofrecerá novas propostas na programación para informar de toda a actualidade dos equipos galegos. A programación habitual da Radio Galega interromperase sempre que xoguen o Obradoiro e o Breogán, que terá no 'Galicia en goles' unha cobertura especial de todo o que aconteza durante o encontro, así coma a previa e as reaccións dos protagonistas.

Así mesmo, a emisora pública continuará co proxecto 'Convivir deportivo' de Alfonso Pardo, programa que fai foco na realidade social do deporte a partir da visita a clubs, persoas destacadas do panorama deportivo galego e escolas deportivas escolares.