CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega reforza a programación informativa e de directos para cubrir a actualidade do coronavirus en todo o país

20/03/2020

Radio Galega Música e Son Galicia Radio continúan coas súas emisións no horario habitual e Radio Picariña ofrece contidos musicais para os máis pequenos da casa, no portal www.crtvg.gal/rg

Todas as redes sociais, web, Whatsapp e as canles convencionais da CRTVG seguen a disposición das campañas #Coidémonos e #EstamosXuntosNisto para promover as recomendacións das autoridades sanitarias

A Radio Galega reforza a programación informativa e de directos para cubrir a actualidade do coronavirus en todo o país

Santiago, 20.03.2020.-   A Radio Galega amplía o horario e cobertura dos seus servizos informativos para atender a demanda informativa en Galicia nunha situación de excepción como a que vive o país. Grazas á súa capacidade de retransmisión en directo, a emisora pública está a adaptar a súa programación e cada día pon o foco na información sobre o coronavirus.

Este sábado e domingo, a Radio Galega ofrecerá un especial coronavirus de 08.00 a 14.00 h, seguido dun informativo de A crónica de 14.00 a 15.00 h. Pola tarde, emitirase en directo Galicia en goles, coas novidades do deporte galego no marco desta crise, de 15.00 a 20.00 h.

Ademais, durante estes días, o Galicia por diante está a adquirir un ton informativo ata as 14.00 h, con todas as novidades, as comparecencias e entrevistas arredor desta emerxencia sanitaria. O informativo A crónica amplía o seu horario e abrangue de 14.00 a 15.30, con Silvia Pereira. A tarde, ao igual que o Galicia por diante, inclúe contidos informativos e formativos sobre o coronavirus.

Nun esforzo persoal e técnico sen precedentes, Kiko Novoa e Cristina García están a realizar o Galicia por diante desde o seu domicilio, así como Antón Rebollido o programa A tarde, consonte ás recomendacións das autoridades sanitarias de deslocalizar efectivos e facilitar o teletraballo. Moitos dos compañeiros dos seus equipos tamén traballan desde as súas casas e as entrevistas e colaboracións destes programas fanse vía telefónica para reducir o presencialismo.

A prol de fortalecer o servizo público, o Pensando en ti continúa a súa programación habitual na madrugada, con información e consellos e incrementa a participación da audiencia, que se está a converter nunha peza clave na programación da Radio Galega. É por isto que se abren os teléfonos cada mañá, de 12.30 a 14.00 h, para escoitar as experiencias da poboación durante o confinamento.

Os xornalistas da Radio Galega seguen movéndose polo territorio de Galicia para facer directos e facer fotos sonoras dos lugares que visitan cada día. A emisora pública ten deslocalizado boa parte do seu persoal, para garantir o cumprimento da misión de servizo público ante calquera continxencia.

Polo demais, as emisións de Radio Galega Música e Son Galicia Radio continúan con normalidade e Radio Picariña, canle dixital de música infantil e xuvenil en galego, que se pode escoitar en radiogalega.gal, a aplicación móbil da CRTVG, e Radioplayer España, é a oferta da emisora pública de Galicia para os máis pequenos durante estes días de confinamento.

Reforzamento de informativos e campaña de prevención nas plataformas da CRTVG

A Corporación de Radio e Televisión de Galicia ampliou tamén desde esta semana os servizos informativos da TVG, na súa obriga de ofrecerlles aos galegos o mellor servizo público posible. Para centrar todos os recursos nos servizos informativos, a TVG reestruturou os seus equipos, sempre preservando ao máximo posible tamén a saúde dos seus traballadores.  

Ademais, a CRTVG está levando a cabo unha campaña institucional a través de todos os seus medios, envorcada en promover as recomendacións das autoridades sanitarias. Por primeira vez na historia dos medios públicos, a Corporación está desenvolvendo dúas accións coas que se modifica substancialmente toda a información das súas redes corporativas e de programas. Desde o 12 de marzo, as redes oficiais contan cunha única mensaxe na biografía co cancelo #Coidémonos, ao que se suma estes días #EstamosXuntosNisto. Os vídeos vídeos explicativos distribúense por todas as vías, incluída o WhatsApp, con información sobre as últimas medidas e recomendacións.