CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega programará debates políticos semanais nas delegacións desde setembro

14/05/2018

A emisora pública reforza a súa aposta pola información de proximidade con espazos de diálogo en que participarán as forzas políticas con representación nas corporacións das sete grandes cidades galegas e nas deputacións provinciais

Haberá tamén debates especializados en eidos sociais ou económicos de impacto directo nestas urbes

A Radio Galega programará debates políticos semanais nas delegacións desde setembro

Santiago, 14.05.2018.- A Radio Galega vivirá a partir do 10 de setembro unha gran transformación da oferta dos seus contidos, como xa foi anunciado. Entre as principais novidades, destaca a programación de debates semanais de ámbito local que acollerán as delegacións territoriais da CRTVG, en que participarán as forzas políticas con representación nas corporacións das sete grandes cidades galegas e nas deputacións provinciais, así como debates especializados en eidos sociais ou económicos de impacto directo nas urbes e as vilas da comunidade.

Deste xeito, a Radio Galega reforza a súa aposta pola información de proximidade, cuns espazos que porán o foco na realidade política, económica e social locais e metropolitanas das sete grandes cidades, en que participarán os líderes políticos dos distintos partidos a nivel municipal ou provincial. Con emisión directa para as súas áreas de referencia, os debates serán moderados polos responsables de informativos de cada delegación da Radio Galega.

Esta é unha das novidades que a RG estreará á volta do verán, ao abeiro dunha nova programación con máis carga informativa de ámbito local e galego en todos os programas da grella. Os espazos informativos ampliarán o seu horario e farán unha aposta estrutural pola información cultural galega ao longo do día, os sete días da semana, con catro edicións diarias de “Diario Cultural” de luns a venres en horarios de máxima audiencia, a creación de tres novas edicións en directo na fin de semana e a creación tamén dunha canle dixital cultural específica para que os oíntes poidan ter acceso á programación cultural desde calquera clase de dispositivo.

Esta nova programación, que duplicará o actual tempo do “Diario Cultural” na Radio Galega, estará elaborada polo equipo actual, ao que se lle sumarán máis reforzos para abarcar toda a nova oferta.