CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega ofrece desde este luns as obras premiadas na última edición do certame Escoitamos Teatro, da Fundación SGAE

13/02/2023

O Diario cultural emitirá ata o 21 de febreiro as dramatizacións radiofónicas dos textos inéditos de Julio Fernández Peláez, Begoña García Ferreira, Carlos Labraña e Carlos Losada, que tamén estan dispoñibles en RadioGalegaPodcast.gal

Creado en 2022, este galardón pretende fomentar a creación de novos textos teatrais en galego e impulsar o xénero do radioteatro

A Radio Galega ofrece desde este luns as obras premiadas na última edición do certame Escoitamos Teatro, da Fundación SGAE

Santiago, 13.02.2023.-    Desde hoxe ata o vindeiro 21 de febreiro, a Radio Galega abre a súa programación á creación teatral contemporánea divulgando as dramatizacións radiofónicas das obras premiadas na recente edición de ‘Escoitamos Teatro’, un certame de textos dramáticos breves para radio e podcast convocado polo Consello Territorial da SGAE en Galicia.

Os textos premiados foron ‘Dez minutos’, da autora Begoña García Ferreira; ‘Catuxa, como eran os encontros en Siria?’, de Julio Fernández Peláez; ‘Fobias’, de Carlos Labraña, e ‘O inevitable’, obra de Carlos Losada. Todas elas foron dirixidas e interpretadas por un elenco profesional e producidas no estudio da Fundación SGAE en Santiago de Compostela.

A radio pública galega emitirá estas obras como parte da programación do ‘Diario Cultural’, espazo de referencia na divulgación das artes escénicas e outras manifestacións culturais. Todas as obras terán tres pases e as gravacións estarán tamén dispoñibles en formato de podcast desde este luns nas plataformas dixitais da Fundación SGAE e da RG (RadioGalegaPodcast.gal).

‘Escoitamos Teatro’ é unha iniciativa do Consello Territorial de SGAE en Galicia para fomentar a creación de novos textos teatrais en galego, impulsar o xénero do radioteatro e apoiar os autores e autoras de SGAE. Creado en 2022, o xurado distinguiu daquela obras de Esther Carrodeguas e Raúl Dans. Nesta segunda edición do certame, un total de catro textos foron premiados entre todos recibidos. Cada un dos autores/as recibiu unha dotación de 200 euros e a difusión múltiple da obra na Radio Galega.