CRTVG Viva
A Radio Galega instalou na Cidade da Cultura un estudio que comparte con emisoras europeas e grava música para o Womex
O magazine da RG “Somos Quen” ofrecerase mañá en directo desde alí
O ente público galego actúa como “media partner” nesta edición da máis importante feira profesional de músicas do mundo

Santiago, 24.10.2014.- O estudio de radio instalado pola Radio Galega na Cidade da Cultura con motivo do Womex, a máis importante feira profesional de músicas do mundo, está a vivir durante estes días unha intensa actividade. Ademais da RG, da Cadena Ser e da BBC, que ofreceron emisións en directo desde Santiago, outras emisoras de países como Noruega, Portugal e Austria están a realizar gravacións de intérpretes que asisten a este grande encontro internacional.
O ente público galego actúa como “media partner” (medio asociado) nesta edición do Womex, a vixésima, o que implica actividades como a presenza permanente dun estudio móbil da Radio Galega na sede central do festival, na Cidade da Cultura, polo que están a pasar expertos de moitos países do mundo, e amplas coberturas da emisora e da Televisión de Galicia. Ademais, mañá, de 09.30 a 12.00 h., a Radio Galega ofrecerá en directo desde o Gaiás o seu magazine matinal “Somos Quen”, presentado por María Xosé Rodríguez.
Womex é un encontro profesional global, cunha ampla axenda de concertos para o público, que terá lugar ata o domingo en Santiago, estando previsto que asistan máis de dous mil delegados internacionais. As súa actividade feiral concéntrase na Cidade da Cultura, mentres que as actuacións están a ter lugar en diversos puntos de Compostela.
No marco do Womex, ademais, as instalacións da Radio Galega en San Marcos acolleron o pasado mércores unha xornada do grupo Euroradio, dedicado a músicas do mundo, por parte de expertos procedentes das emisoras de radio públicas integradas na Asociación Europea de Radiodifusión, coñecida tamén como EBU ou Eurovisión. No encontro, que contou coa participación de varias ducias de profesionais, tiveron lugar intervencións de 22 relatores de 15 nacionalidades distintas, en que se abordaron temas de actualidade sobre a evolución das músicas.
Máis información sobre o estudio de radio na páxina web do Womex.