CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega estrea 'Déitate', unha nova proposta de humor para as madrugadas da fin de semana

14/09/2018

Carlos Jiménez convidará desde hoxe os oíntes a que se “deiten” con el cun sorriso

Con variadas seccións, este novo espazo desenfadado incluirá monólogos, imitacións, sketchs e curiosidades cun ton branco e familiar, pero tamén orientado á rapazada de hora golfa

A Radio Galega estrea 'Déitate', unha nova proposta de humor para as madrugadas da fin de semana

Santiago, 14.09.2018.-  A Radio Galega estrea esta fin de semana 'Déitate', programa en que Carlos Jiménez, o seu presentador e director, convidará os oíntes a que se “deiten” con el cun sorriso na faciana mentres o escoitan. Esta noite, o arranque vai ser por todo o alto e Mofa e Befa van ter un papel protagonista co seu humor e retranca. Falarán dos seus proxectos actuais e futuros e de todo o que saia da cabeza destes dous cranios privilexiados.

Cada sábado e domingo de madrugada, de 00.00 a 01.00 horas na Radio Galega, 'Déitate' será un espazo desenfadado con monólogos, imitacións, sketchs e curiosidades cun ton branco e familiar, pero tamén orientado á rapazada de hora golfa, insomnes e o que marcha tarde á cama ou quere quedar un cachiño máis escoitando a radio porque non madruga ao día seguinte. Pero non só haberá humor, tamén curiosidades que día a día enchen a nosa vida. Desde logo, o entretemento vai ser a punta de lanza do programa.

Carlos non estará só, contará cada semana con convidados especiais e con Roi da Costa Brais Doval como colaboradores fixos e Fran Cañotas de maneira ocasional. Coa participación imprescindible dun mago da técnica e da creatividade radiofónica, Ernesto Mosquera, camiñarase -pegados ás RRSS- entre risos e anécdotas por un programa dunha hora dinámica, divertida e, sobre todo, entretida para calquera que enganche a radio sexa o momento que sexa.

'Déitate' contará con moitas seccións: Deportillando, personaxes imitados partillando con humor do deporte semanal; Errantes, erros e gazapos tanto en radio, tele como en prensa galegos e nacionais; Válgame, un espazo tipo Sálvame co máis destacado do corazón; Gastrónimos, lugares e receitas para comer máis ou menos anónimos coa participación de Ferrá Adriá; O que non me pase a min, anécdotas que lle ocorreron aos nosos colaboradores, Hai un Galego na Lúa: alí onde hai unha noticia, hai un galego polo medio fixo! ou Que pasa nas Redes, onde repasamos o máis destacado e máis preto de nós nas RRSS.

Carlos Jiménez leva 25 anos na CRTVG e fixo de todo agás traballar moito: televisión, dobraxe, locución de programas, dobraxe, deportes, publicidade e, sobre todo, radio. Licenciado en Xeografía e Historia pola USC e xornalista pola UDIMA, Carlos é un todoterreo na comunicación.