CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega estrea a súa nova web, que aposta polos contidos propios e o podcast

05/11/2018

Ponse en marcha unha páxina máis intuitiva e directa, onde os usuarios poden acceder de xeito sinxelo a emisións de valor engadido, como entrevistas e reportaxes en profundidade

A emisora reafirma a súa misión de servizo público cunha proposta que combina a forza do directo coa selección do máis destacado da programación e que ten como obxectivo xerar opinión arredor dos temas que lles interesan aos galegos

A Radio Galega estrea a súa nova web, que aposta polos contidos propios e o podcast

Santiago, 05.11.2018.-    Os medios públicos galegos lanzan este luns un redeseño da imaxe dixital da Radio Galega para potenciar os contidos de produción propia co obxectivo de xerar opinión arredor dos temas que lle interesan á sociedade galega. A emisora  reafirma a súa misión de servizo público cunha proposta que combina a forza do directo coa selección dos contidos máis destacados da súa programación.

Para isto, ponse en marcha unha páxina web más intuitiva e directa, onde os usuarios poden atopar un menú con tres botóns a través dos cales acceder de xeito sinxelo a todos os contidos de valor engadido da súa emisora de referencia. Deste xeito, a audiencia da Radio Galega poderá picar directamente nos catro directos cos que conta a canle pública na actualidade, acceder a cada programa de xeito independente ou navegar a través dos podcast.

Na portada da nova web están dispoñibles os contidos máis salientables dos informativos e dos programas. Intégranse no proxecto grandes sinaturas coma o xornalista Fernando Ónega, o investigador Ángel Carracedo, a profesora Milagros Castro, o catedrático Jorge Mira e o divulgador Marcus Fernández.

O directo segue sendo a referencia da radio pública, con accesos directos na parte superior da web á emisión da Radio Galega, de Radio Galega Música, Son Galicia Radio e a canle de música infantil en galego Radio Picariña.

O segundo vértice da nova páxina web son os contidos de produción propia cos que a Radio Galega xera debate político e social no ámbito xeográfico de Galicia, é dicir, as entrevistas propias e as reportaxes en profundidade que lle outorgan valor engadido á emisión e ao propio espazo web da radio pública.

O podcast eríxese en eixo do consumo radiofónico na Internet e a Radio Galega impulsarao a través do seu novo deseño web. Por unha parte, potenciará os seus programas especializados para o seu consumo vía podcast para chegar ás comunidades nicho ás que se dirixen especificamente eses contidos e, pola outra, ofrecerá todas as horas de emisión de cada un dos programas para facilitar a recuperación de contidos.

Canle dixital do "Diario Cultural"

Ademais desta nova web, os oíntes da Radio Galega terán á súa disposición en vindeiras datas deste mes de novembro a nova canle dixital do programa “Diario Cultural”, en que terá un espazo de seu toda a programación cultural da emisora pública, con podcast dos programas, coas “caras B” e coas achegas exclusivas de sinaturas como Emilio Españadero, Rosario Sarmiento, Armando Requeixo, Rut Balbís, Alba Cid, Luís Miguel Crespo, Roberto Pascual, Miguel Anxo Prado, Carlos Portela, Begoña Vázquez, Tito Lesende, Montse Pena Presas, Beli Martínez e Cibrán Tenreiro.