CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Radio Galega Podcast lanza este venres 'O Impostor', con Kiko Novoa e Paco Lodeiro

24/01/2023

Emitirase cada dúas semanas e contará con convidados como o xuíz Váquez Taín, a cantante Pili Pampín, a actriz Lucía Veiga, o científico Jorge Mira ou o humorista Marcos Pereiro para mostrar a persoa detrás do famoso

 

 

Radio Galega Podcast lanza este venres 'O Impostor', con Kiko Novoa e Paco Lodeiro

Santiago, 24.01.2023.- Radio Galega Podcast estrea este venres ‘O Impostor’, un novo espazo conducido polo xornalista da RG Kiko Novoa e o presentador da TVG Paco Lodeiro. Dúas veces ao mes, os oíntes terán a oportunidade escoitar a personaxes famosas, de distintos  ámbitos, falar de todo agás da súa profesión. O programa, en ton distendido e cun toque de humor, tratará de demostrarlle á audiencia que detrás da persoa pública se agocha outra descoñecida, que vai sorprender aos seguidores e seguidoras do espazo. 

Os primeiros convidados en pasar polo ‘Impostor’ serán o xuíz Vázquez Taín, o músico Charli Domínguez, a cantante Pili Pampín, a humorista e actriz Lucía Veiga, o científico Jorge Mira e o humorista Marcos Pereiro. Falarán das súas metidas de zoca, de erros que cometeron, de 'pecadiños' da mocidade, do primeiro amor e do último, dos seus inicios profesionais e de como cren que son vistas pola xente.

A audiencia dos medios públicos poderá seguir o novo espazo de Kiko Novoa, tamén presentador dos magazine ‘Galicia por diante’, da RG, e ‘A bóla extra’ da TVG, e Paco Lodeiro, condutor de do concurso ‘Atrápame se podes’, na web da CRTVG, a través da sección de podcast da Radio Galega (www.crtvg.es/rg/podcast) e tamén, na súa versión videopodcast, na canle YouTube, onde se publicará cada dúas semanas.