CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega estará moi pendente esta fin de semana da gran final da Copa do Mundo de Vela que se disputa en Santander

08/06/2017

Toni López García desprázase ata a capital cántabra para achegarlles aos oíntes todos os datos das probas e falar cos catro galegos presentes nas distintas edicións de "Galicia en Goles", desde o venres e ata o domingo

A Radio Galega estará moi pendente esta fin de semana da gran final da Copa do Mundo de Vela que se disputa en Santander

Santiago, 08.06.2017.-    A Radio Galega vaille dedicar esta fin de semana unha atención especial á vela, xa que a elite da vela mundial dáse cita en Santander na gran final da Copa do Mundo. Entre os 23 regatistas españois presentes hai 4 galegos que buscarán o éxito nunha das competicións máis prestixiosas do mundo.

Toni López García, director de "Galicia en Toquio", desprázase ata a capital cántabra para achegarlles aos oíntes todos os datos das probas e falar cos catro galegos presentes nas distintas edicións de "Galicia en Goles", desde o venres e ata o domingo.

Os campións olímpicos Sofía Toro e Fernando Echávarri, acompañados por Ángela Pumariega e Tara Pacheco respectivamente, buscarán a súa consolidación entre a elite neste novo ciclo olímpico nas clases 470 e nacra 17.

O sonense Iago López, acompañado polo cántabro Diego Botín, loitará polo triunfo na clase 49er despois de alcanzar o ouro na proba da Copa do Mundo celebrada hai algunhas semanas en Hyères e de ser bronce na primeira cita en Miami.

Por último, o vigués Nicolás Rodríguez, formando parella con José Manuel Ruiz, pelexará por subir ao podio na clase 470 masculina.