CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega é a emisora que máis medra en Galicia, segundo o Estudo Xeral de Medios

27/06/2018

Con 157.000 ouvintes, incrementa nun 16,3% a súa audiencia de luns a venres e lidera as madrugadas e as faixas do "Galicia por Diante" e do "Galicia en Goles" da fin de semana

Radio Galega Música sobe nun 26% o seu seguimento, tamén con respecto ao primeiro trimestre do ano

A Radio Galega é a emisora que máis medra en Galicia, segundo o Estudo Xeral de Medios

Santiago, 27.06.2018.- A Radio Galega (RG) é, dentro das grandes cadeas en Galicia, a que máis medra tanto en termos absolutos coma relativos, segundo a segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) correspondente os meses de abril e maio do presente ano. Con respecto á onda anterior, a Radio Galega medra en 17.000 novos ouvintes (de luns a domingo). Cómpre salientar que a emisora pública galega incrementa nun 16,3% a súa audiencia de luns a venres, pasando de 135.000 oíntes diarios a 157.000. Amais, é líder nas madrugadas, no "Galicia por Diante" e no "Galicia en Goles" da fin de semana.

Por outra parte, a Radio Galega Música acada unha audiencia de 19.000 ouvintes de luns a domingo, un dos valores máis altos da súa historia, so foi superada esa audiencia en dúas ocasións. Con respecto á primeira onda do EXM do ano o crecemento foi de 4.000 persoas, un incremento porcentual na audiencia cifrado no 26.67%.

Os datos do Estudo Xeral de Medios revelan ademais que a Radio Galega ten a audiencia máis fiel en Galicia. En concreto, o oínte da emisora pública pasa de media máis de dúas horas e media cada día conectado ás nosas ondas.

O "Galicia por Diante" incrementa en 57.000 oíntes a súa audiencia respecto ao último EXM ata alcanzar os 106.000 seguidores diarios. Este programa é lider na hora de arranque, ás 06.00 h., e no tramo de 11.00 a 12.00 h.. Este programa informativo e magazine alcanza os 64.000 oíntes no seu pico máis alto, entre as 11.00 e as 12.00 h. da mañá. A boa cifra de audiencia arrástrase durante toda a mañá, con 50.000 oíntes á "Sesión Vermú" de Xosé Manuel Piñeiro e 42.000 oíntes ao "Aquí Galicia", que dirixe Xusto López Carril. O "Diario Cultural" suma 3.000 oíntes.

A audiencia recoñece tamén a aposta pola información de proximidade da Radio Galega, converténdose os servizos informativos en referencia nas primeiras horas da mañá entre o luns e o sábado. Para consolidar este compromiso, a radio pública ampliará na próxima temporada o "Galicia Por Diante" durante a semana. "A Crónica das Dúas" e "A Crónica", con 10.000 oíntes cada xornada, volven converterse na referencia informativa do país nas franxas do mediodía, do serán e da noite.

O programa "A Tarde" capta cada tarde 16.000 oíntes de media, con máis seguimento nas dúas últimas horas, con picos de 10.000 oíntes. O "Convivir", programa de temática social dirixido por Clara de Saa, conta con 5.000 oíntes, segundo a última onda do EXM.

Nas madrugadas, o "Pensando en Ti" de Marcial Mouzo é o programa con máis share da Radio Galega. De feito, un de cada dous oíntes entre as dúas e as catro da madrugada en Galicia están conectados coa emisora pública.

Na fin de semana, consolídanse os programas especializados en agro e mar, "Ferrado e Medio" e "Mar de Ardora", con 8.000 e 16.000 oíntes respectivamente. "Lambóns Dixitais", o programa sobre novas tecnoloxías suma 21.000 oíntes e "Sala 5", sobre cine dirixido por Begoña Vázquez, 6.000. O magacine "Somos Quen", dirixido por María Xosé Rodríguez, suma 63.000 oíntes os sábados.

Os Deportes, un rexistro histórico

O porgrama "Galicia en Goles" marca un rexistro histórico ao alcanzar a cifra de 123.000 oíntes no programa do sábado, sendo líder absoluto de audiencia entre as 19.00 a as 23.00 horas. A diario, os tres espazos deportivos -14.30, 20.30 e 23.00 h.- soben en audiencia. Estes datos respaldan a aposta do equipo dirixido por Xoán Galán no que atinxe ao deporte galego.

Radio Galega Música incrementa nun 26% o número de oíntes

A emisora musical dos medios públicos de Galicia puxo en marcha unha nova estratexia de programación o pasado 13 de febreiro, coincidindo co Día da Radio, baixo a coordinación de Moncho Lemos. Logo de medio ano, a audiencia incrementouse nun 26% de luns a domingo, ata alcanzar os 19.000 oíntes.

Segundo o EXM, a Radio Galega mantén a terceira posición en Galicia e cómpre salientar que está a reducir distancias en 12.000 persoas coa COPE, a segunda en Galicia, mantendo a SER o liderato.