CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Nova edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico da RG, que reactiva este medio como soporte artístico

17/07/2017

Está apoiado pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e dotado economicamente con 6.000 euros 

As obras finalistas emitiranse na Radio Galega, dramatizadas por un elenco de actores, e serán publicadas nun libro-CD

Nova edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico da RG, que reactiva este medio como soporte artístico

Santiago, 17.07.2017.-    A Radio Galega abriu o prazo para a presentación de orixinais á undécima edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, unha iniciativa que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre autores/as e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega, promover o encontro entre a audiencia e o teatro e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.

Esta nova edición do Premio de Teatro Radiofónico, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, foi presentada esta mañá en Santiago. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou o interese do certame para a procura de novas formas de diálogo entre a dramaturxia e o medio radiofónico, así como para “a creación de paisaxes sonoras contemporáneas coas que introducir os oíntes neste xénero”. 

Pola súa parte, a xefa de Programas da Radio Galega, Tania F. Lombao, sinalou que “este premio non só é importante para a Radio Galega como medio radiofónico senón que vai máis alá ao converter os contidos deste espazo de teatro radiofónico en material pedagóxico para centros educativos”. Ademais, Lombao explicou que a importancia do galardón radica tamén en que “por unha parte, facilita a entrada de persoas alleas ao teatro profesional e á radio e, por outra, afonda en oportunidades para dramaturgos con traxectoria recoñecida”.

A directora e presentadora do programa 'Diario Cultural', Ana Romaní, destacou que “o premio intenta activar o potencial que a radio ten como laboratorio e soporte artístico ao que se achegan novos creadores, novas creadoras e, con eles, novas audiencias e novos públicos”.

O xurado do Premio de Teatro Radiofónico, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará dos orixinais presentados as obras finalistas, que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e actrices. As dramatizacións emitiranse nos distintos programas da Radio Galega. Entre as emitidas, o xurado escollerá a obra galardoada co Premio do Xurado e a audiencia votará a obra que recibirá o Premio do Público. Cada un dos premios está dotado economicamente con 3.000 euros.

O prazo de presentación de orixinais ao Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico rematará o 24 de setembro de 2017. As bases pódense consultar na web crtvg.gal.

Libro-CD coas obras finalistas da edición anterior

Coincidindo coa apertura da nova convocatoria, tamén se presentou esta mañá o libro-CD coas obras finalistas da décima edición do premio. Trátase dos textos 'O quinto inverno', de Eva Ferreira, premio do xurado; 'Un bo final', de Carolina Alba Castro, premio da audiencia, e das obras finalistas 'Punto de vista', de Avelina Pérez, e 'Veos', de Ana Carreira. As catro obras emitíronse na Radio Galega o ano pasado. Con adaptación radiofónica de Marta Pazos, foron interpretadas por Melania Cruz, Maria Roja, Ricardo de Barreiro, Gena Baamonde e Chelo do Rejo e contaron coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.

O volume é o décimo da serie do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que publicou ata o momento un total de 37 obras inéditas. 19 autores e autoras premiados e máis de 100 profesionais, entre directores e directoras, actores e actrices, técnicos e profesionais da edición e da produción, participaron desde o ano 2006 nesta iniciativa, que procura dar un novo pulo cun enfoque contemporáneo a un xénero cunha longa tradición na historia da radiodifusión. 

 

Na foto superior, de esquerda a dereita, a xefa de Programas da Radio Galega, Tania F. Lombao, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a presentadora de 'Diario Cultural', Ana Romaní