CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega avanza a nova temporada 2018-2019

11/05/2018

A emisora pública ampliará a partir de setembro a duración dos seus informativos e principais programas apostando pola cobertura territorial.

Potenciará a oferta cultural da Radio Galega. O 'Diario Cultural' segue e amplíase a 4 edicións ao día, con 3 novas edicións en directo na fin de semana, e unha canle dixit

A Radio Galega avanza a nova temporada 2018-2019

Santiago, 09.05.2018.-    Despois da aposta pola nova Radio Galega Música con novos contidos, nova estratexia e novos programas de produción propia, a Radio Galega anuncia para a próxima temporada 2018-2019 unha renovación tamén dentro da súa grella. Os informativos e principais programas incrementarán a súa duración para integrar a cobertura dos asuntos de carácter local e dos contidos especializados. Así, o 'Galicia por Diante' emitirase entre as 06:00 e as 14:00 combinando a información e o entretemento.

A 'Crónica das dúas' ampliará tamén o seu horario para emitirse entre as 14:00 e as 14:45, dedicando este último cuarto de hora á información de ámbito local e comarcal. Mentres tanto, 'A Crónica', que dobra a súa duración, ofrecerase entre as 20:00 e as 21:00 con espazos dedicados á actualidade xeral, local e especializada. E a partir das 22:00, de luns a xoves, será novamente o tempo de análise cos principais colaboradores da Radio Galega. Por último, os informativos da fin de semana ofrecerán como novidade dúas edicións de 'Galicia por diante', tanto o sábado coma o domingo entre as 08:00 e as 12:00.

Da programación destaca tamén a forte aposta pola información cultural. Traballará sobre eses contidos un amplo equipo de nova creación que seguirá co consolidado 'Diario Cultural'. O veterano programa da emisora pública cambia de formato para converterse nun elemento estrutural da nova grella. Realizaranse catro edicións diarias. Isto supón que se duplica o tempo de cultura diario na Radio Galega, que pasa de 50 minutos a 100 (unha hora en corenta minutos) en máis faixas horarias, o que significa máis diversidade de público con acceso á cultura. Igual sucederá tamén na fin de semana, que contará como novidade con outras tres edicións en directo do 'Diario Cultural',  que agora mesmo non existen.

O equipo dedicado á cultura na Radio Galega estará integrado polo mesmo persoal e será reforzado con novas incorporacións de dentro da Radio Galega. Outra das novidades será a creación dunha canle dixital específica de 'Diario Cultural' para facer accesibles todos os contidos dixitalmente.

Da proposta deportiva da nova grella destaca a creación de dúas marcas que estarán vencelladas ao mítico 'Galicia en Goles': 'Zona mixta' e 'Ao contraataque'. O primeiro programa, centrado na información e análise do mundo deportivo, emitirase de luns a venres entre as 15:00 e as 16:00; o segundo realizarase na faixa nocturna, entre as 23:00 e as 00:00.

En próximas datas daranse a coñecer máis detalles do ambicioso proxecto e dos nomes propios dos profesionais que se farán cargo dos novos produtos.