CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Remata este domingo o prazo para a presentación de orixinais ao XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico da Radio Galega

13/10/2017

Ata o 15 de outubro pódese optar a un galardón que reactiva a radio como soporte artístico para explorar cos materiais e as premisas da creación contemporánea

Remata este domingo o prazo para a presentación de orixinais ao XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico da Radio Galega

Santiago, 13.10.2017.- Este domingo, 15 de outubro, remata o prazo para a presentación de orixinais ao XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, patrocinado pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dotado economicamente con 6.000 euros

A iniciativa pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre autores/as e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega, promover o encontro entre a audiencia e o teatro e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.

A undécima edición do Premio de Teatro Radiofónico desenvolverase ao longo dos vindeiros  meses. O xurado, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará dos orixinais presentados as obras finalistas, que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e actrices. As dramatizacións emitiranse  nos distintos programas da Radio Galega. Entre as emitidas, o xurado escollerá a obra galardoada co Premio do Xurado e a audiencia votará a obra que recibirá o Premio do Público. Cada un dos premios está dotado económicamente con 3.000 euros. As bases pódense consultar na web crtvg.es.

Na foto superior, presentación, no pasado mes de xullo, do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico