CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega acolle este luns os seus catro debates electorais de cara ao 12X

06/07/2020

Complétase desta forma a serie de 9 debates en 15 días ofrecidos polos medios públicos de Galicia

A Radio Galega acolle este luns os seus catro debates electorais de cara ao 12X

Santiago, 06.07.2020.-  Este luns día 6 de xullo continúa a cobertura da campaña electoral para os comicios do 12 de xullo, coa quenda de debates electorais de carácter provincial na Radio Galega, que se emitirán simultaneamente nas súas desconexións territoriais e en horario de máxima audiencia. Ofreceranse o luns ás 21.00 horas, dentro do espazo ‘A Crónica’, entre os candidatos e as candidatas das sete formacións políticas seguindo os criterios de representatividade e significación establecidos no Plan de Cobertura.

Estes catro debates, cunha duración de 60 minutos cada un, configuraranse arredor de 4 grandes bloques: Galicia e a COVID: xestión, nova normalidade, reconstrución; Políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais xerais; Políticas sociais e de benestar, educación, sanitarias e modelo institucional, pactos, gobernabilidade e encaixe de Galicia no Estado.

Realizados nos estudios centrais de San Marcos, pola provincia de Ourense, acudirán ao debate Marisol Díaz (PPdeG), Milagros Corral (Marea Galeguista), Marina Ortega (PSdeG), Noa Presas (BNG), David Bruzós (Galicia en Común), José Araújo (Cs) e María Jesús Fernández (VOX).

Pola provincia de Lugo, participarán Elena Candía (PPdeG), Iván Rodríguez Lombardero (Marea Galeguista), Patricia Otero (PSdeG), Olalla Rodil (BNG), Miguel Anxo Fernández-Vello (Galicia en Común), José Ángel Gómez (Cs) e Sonia Teijeiro (VOX).

No caso de Pontevedra, intervirán Corina Porro (PPdeG), Peque González Novoa (Marea Galeguista), Julio Torrado (PSdeG), Luis Bará (BNG), Eva Solla (Galicia en Común), Luis Miguel Lamas (Cs) e Antonio Ramilo (VOX).

Finalmente, no debate da Coruña os participantes serán Ángeles Vázquez (PPdeG), María Chao Martínez (Marea Galeguista), Pablo Arangüena (PSdeG), Xosé Luis Rivas ‘Mini’ (BNG), Martiño Noriega (Galicia en Común), Carmen Mahía (Cs) e Ricardo Morado (VOX).