CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Radio Galega acolle en San Marcos un cumio de expertos en música das radios públicas de Europa, con motivo do festival Womex

20/10/2014

Os medios públicos galegos terán a condición de "media partner" co gran encontro musical internacional desta semana, ao que lle prestarán unha ampla cobertura

A Radio Galega acolle en San Marcos un cumio de expertos en música das radios públicas de Europa, con motivo do festival Womex

Santiago, 20.10.2014.- A Radio Galega acolle este mércores unha xornada do grupo Euroradio, dedicado a músicas do mundo, por parte de expertos procedentes das emisoras de radio públicas integradas na Asociación Europea de Radiodifusión, coñecida tamén como EBU ou Eurovisión. O evento organízase con motivo do festival internacional Womex, que se inicia o día seguinte en Santiago e vai reunir nas instalacións do ente público galego en San Marcos varias ducias de profesionais.

Os membros do grupo Euroradio van tratar temas de actualidade sobre a evolución das músicas, cunha especial atención a esta expresión artística nos colectivos de refuxiados. Por este motivo teñen previsto facer desde San Marcos unha videoconferencia cun campo de refuxiados sirios en Turquía. Haberá outra videconferencia con San Diego (Estados Unidos) para coñecer a experiencia no mesmo sentido dun músico de Sudán do Sur.

Na xornada tamén se van abordar outros aspectos como a diversidade cultural, e farase unha aproximación ao panorama cultural de Galicia. O programa prevé intervencións de 22 relatores de 15 nacionalidades distintas.

O evento é o resultado do acordo de colaboración da CRTVG co festival Womex, no que o ente público galego actuará como "media partner" (medio asociado), o que implica outras actividades como a presenza permanente dun estudio móbil da Radio Galega na sede central do Festival, na Cidade da Cultura, polo que está previsto que pasen expertos de moitos países do mundo, e amplas coberturas da emisora e da Televisión de Galicia. O sábado 25, de 09.30 a 12.00 h., a RG fará in situ o seu magazine matinal "Somos quen", dirixido por María Xosé Rodríguez.

Womex é un encontro profesional global, cunha ampla axenda de concertos para o público, que terá lugar do xoves a domingo en Santiago, estando previsto que asistan máis de dous mil delegados internacionais. As súa actividade feiral concentrarase na Cidade da Cultura, mentres que as actuacións terán lugar en diversos puntos de Compostela.

Galería de imaxes