CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A programación de verán da TVG acadou en Galicia os datos de audiencia máis elevados dos últimos 5 anos

10/09/2018

De xullo a setembro obtivo unha cota de pantalla no conxunto do día de 10,2% e no ‘prime time’ subiu ata o 11,8%

A faixa informativa do mediodía, cun 'share' semanal de 18,4%, superou en case 7 puntos a seguinte canle competidora
 
Respecto a FORTA, superou este grupo en máis de 4 puntos de cota na faixa máis importante do día

A programación de verán da TVG acadou en Galicia os datos de audiencia máis elevados dos últimos 5 anos

Santiago, 10.09.2018.-  Televisión de Galicia despediu onte a súa programación de verán cuns datos de audiencia moi satisfactorios. A tendencia ascendente inicial mantívose durante todo este período, desde o 1 de xullo ata setembro, de xeito que a canle pública acadou os resultados máis elevados dos últimos cinco veráns, cunha cota de pantalla de 10,2% no conxunto do día e de 11,8% no ‘prime time’.

Durante a programación de verán, a TVG volveu ser un referente informativo en Galicia. Neste senso, a faixa informativa do mediodía (13.30 - 15-30 h.) acadou unha cota media semanal de 18,4%, o que supón unha distancia de 6,8 puntos sobre a seguinte televisión competidora, Antena3.

Os datos tamén son especialmente relevantes respecto ás restantes canles autonómicas de FORTA, xa que a TVG supera este grupo en 2,9 puntos de cota no conxunto do día e en 4,1 puntos no 'prime time'.

Canto ás audiencias por días da semana, destacan o sábado, cunha media no 'total día' de 11,3%, e os domingos e o venres, cun 10,2% de 'share'. No 'prime time' ou faixa máis importante do día, a Galega destacou na noite do xoves, cun 12% de cota media, así como tamén o sábado (13,5%), o martes (12,2%), o domingo (12%) e o venres (11,8%). En xeral, a TVG incrementou a súa cota de pantalla todos os días, con relación á programación de verán do ano anterior, agás o sábado no conxunto do día e o mércores no ‘prime time’.

Na foto superior, un dos momentos humorísticos que deixou na noite do xoves o espazo 'Malo será!'.