CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A piques de comezar a Liga, a RG transmitirá o Celta–Mainz 05, no memorial Quinocho

09/08/2018

Na tvG2, protagonismo para as traiñeiras coas bandeiras de Biscaia e Guipúscoa

A piques de comezar a Liga, a RG transmitirá o Celta–Mainz 05, no memorial Quinocho

Santiago, 09.08.2018.-  Este sábado, os afeccionados ao fútbol teñen unha nova cita co "Galicia en Goles" da Radio Galega. Desde as sete da tarde, Alfonso Pardo dirixe a retransmisión do memorial Quinocho desde Balaídos, onde o Celta de Vigo debuta ante a súa afección fronte ao equipo alemán do Mainz 05. Roberto Carlos Carballo, Víctor López e Moncho Carnero forman o tridente de comentaristas para un partido que medirá o estado de forma dos celestes ante un rival de entidade. Ademais, o  evento vai máis alá do  deporte, xa que a recadación destinarase para aos afectados polas explosións pirotécnicas en Paramos e Guillarei.

O programa tamén estará en Foz, onde o Deportivo pecha a pretempada fronte ao que pode ser un rival directo polo ascenso esta temporada, o Real Oviedo. Na Mariña tamén haberá outro encontro importante, o que disputará o Lugo, en Viveiro, ante a Ponferradina. Alfonso Núñez e Emilio González encargaranse de contar á audiencia o que suceda nas dúas citas.

O "Galicia en Goles" deste sábado prolongarase ata as dez da noite para escoitar logo dos tres partidos os adestradores na sala de prensa e os futbolistas na zona mixta.

Esta será a última xornada de pretempada para os tres grandes do fútbol galego, xa que resta menos dunha semana para que comece o campionato ligueiro o venres 17, o Deportivo inicia o seu percorrido na Segunda División en Albacete e a Radio Galega ofrecerá xa o primeiro "Galicia en Goles" da nova temporada desde as oito e media do serán. O sábado 18, ás catro da tarde, poñerase en marcha a edición da fin de semana, co Celta-Espanyol e o Lugo-Málaga. A Segunda B e a Terceira non iniciarán a competición ata o sábado 25 de agosto.

Traiñeiras, na tvG2

Mentres tanto, na tvG2 esta fin de semana as traiñeiras terán o protagonismo absoluto, posto que prosegue a Eusko Label Liga 2018, a mellor competición do mundo. O sábado pola tarde, ás 18.00 horas, comeza a competición, coa disputa da bandeira feminina. A continuación, será a quenda da bandeira masculina, a Ondarroa–Biscaia.

O domingo, ás 11.45 horas, tamén pola tvG2 retorna a competición coa bandeira Hondarribia–Guipúscoa. En primeiro lugar, a bandeira feminina e deseguido a masculina.