CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A película 'Sempre Xonxa', accesible na web da CRTVG con motivo do 25 aniversario da morte de Chano Piñeiro

20/03/2020

A partir deste sábado, poderase ver un dos títulos míticos da historia do cine galego, a primeira longametraxe rodada íntegramente en Galicia e na nosa lingua

A película 'Sempre Xonxa', accesible na web da CRTVG con motivo do 25 aniversario da morte de Chano Piñeiro

Santiago, 20.03.2020.-    Con motivo do 25 aniversario da morte de Chano Piñeiro, pioneiro do cine galego e símbolo para as seguintes xeracións de cineastas, a partir de mañá, a web da CRTVG terá accesible a súa película ‘Sempre Xonxa’, a primeira longametraxe rodada integramente en Galicia e totalmente en galego e convertida co paso do tempo nunha icona do noso audiovisual

Humor e realismo máxico mestúranse nun dos títulos míticos da historia recente do cine galego, a terceira das tres históricas longametraxes -incluídas ‘Urxa’ e ‘Continental’- estreadas no marco de Cinegalicia, en novembro de 1989.

Con Uxía Blanco como protagonista, ‘Sempre Xonxa’ conta a historia dunha muller, Xonxa, e dous homes, Pancho e Birutas, e as relacións entre os tres, nunha remota aldea galega, desde a súa infancia, en 1947, ata a súa madurez, en 1986. O filme de Chano Piñeiro é tamén a historia da emigración en dúas das súas vertentes (éxito e miseria), da complexidade das relacións humanas, das lendas e da realidade e dunha aldea que morre perdida nos montes de Galicia.