CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A película "Schimbare", participada pola TVG, acada o galardón de Mellor Película Internacional no Festival de San Diego

30/09/2014

A ópera prima de Álex Sampayo foi recoñecida polo xurado dun dos escaparates de cine independente con máis prestixio

 

En próximas datas, a película tamén participará no Mumbay Film Festival e na Balinale Internacional Film Festival

A película "Schimbare", participada pola TVG, acada o galardón de Mellor Película Internacional no Festival de San Diego

Santiago, 30.09.2014.- A película galega “Schimbare”, dirixida por Álex Sampayo e participada pola Televisión de Galicia, gañou esta fin de semana o premio “Mellor película internacional” no San Diego Film Festival, celebrado na cidade norteamericana. A ópera prima de Álex era a única película española seleccionada para competir nesa categoría e  foi a máis valorada polo xurado, de entre as 25 películas que concorrían a este galardón e no que algunhas están seleccionadas para competir na carreira dos Óscar.

O festival de cine de San Diego, que cumpría a súa décimo terceira edición, é un dos certames e escaparates de cine independente con máis recoñecementos. Desde o pasado mércores ata o domingo, 28 de setembro, máis de 100 películas foron proxectadas no festival, entre elas a galega “Schimbare”. O propio Álex Sampayo foi o encargado de recoller o galardón nunha gala celebrada no U.S. Grant Hotel.

“Schimbare” continuará a súa exhibición e competición internacional en festivais como o Mumbai Film Festival da India e na Balinale International Film Festival de Indonesia, entre outros. En canto ao territorio nacional, Schimbare” participará na sección “Punto de Encontro” da Seminci de Valladolid e pechará a edición do Festival de Cine Internacional de Ourense.

A primera película de Álex Sampayo está coproducida por Ficción Producciones, Televisión de Galicia e conta coa axuda de AGADIC. “Schimbare” rodouse a finais de 2013, entre Galicia e Hungría, e conta con Candela Peña, Luís Zahera e Sandra Mokrzyzka como protagonistas.

Na foto superior, Álex Sampayo, o director de Schimbare, tras recoller o galardón no San Diego Film Festival.