CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A nova onda do Estudo Xeral de Medios confirma a TVG como líder absoluta de audiencia en Galicia

02/07/2015

Cun share do 19,2%, a canle autonómica galega revalida esta posición por terceira vez consecutiva e incrementa en 7 décimas os seus datos con respecto ao período inmediatamente anterior

A Televisión de Galicia lidera tamén o período comprendido de luns a venres e a faixa de maior consumo televisivo, destacando especialmente os rexistros da sobremesa, en que a súa cota de pantalla ascende ata o 35,8%

A nova onda do Estudo Xeral de Medios confirma a TVG como líder absoluta de audiencia en Galicia

Santiago, 02.07.2015.-    A segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EXM), realizada durante os meses de abril e maio, confirma novamente a TVG como a canle máis vista en Galicia, cunha cota de pantalla do 19,2%. A Galega non só revalida, por terceira vez consecutiva, este liderado, senón que tamén incrementa a súa audiencia en 7 décimas con respecto á onda inmediatamente anterior.

O competidor máis próximo da Televisión de Galicia é Antena 3, cunha cota do 13,2%, o que sitúa a canle privada a 6 puntos de distancia. Aínda que as canles de Mediaset continúan sen aparecer no informe do EXM, cómpre salientar que na terceira onda de 2014 a TVG xa superara a Tele 5 e fora a canle máis seguida en Galicia.

No período comprendido de luns a venres, a canle pública galega tamén lidera as audiencias, nesta ocasión cun share do 19,9%, a unha distancia aínda maior (7,1 puntos) da oferta máis próxima, que volve ser a de Antena 3.

No que se refire á faixa de noite (20.00-04.00 h.), en que se rexistra o maior consumo televisivo, a Televisión de Galicia tamén foi líder, cunha cota media de pantalla do 15,3% no conxunto da semana.

Por días da semana, cómpre salientar os datos de audiencia dos xoves, día en que a canle autonómica rexistra unha cota do 25,1% no conxunto do día. Por faixas horarias, destaca especialmente a de sobremesa (13.00-17.00 h.), en que a TVG acada unha cota de pantalla do 35,8%.

As diferenzas con respecto aos datos facilitados por Kantar Media co seu sistema de audimetría son, no ámbito galego, especialmente notables no caso da TVG, con 10 puntos de diferenza entre un estudo e o outro.