CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A inspectora Eva Mayo inicia o domingo unha nova viaxe polo mundo da prostitución, en 'O sabor das margaridas'

26/03/2020

No segundo capítulo, a protagonista descubrirá que se vai celebrar outra festa e o inspector Salgado recibirá un anónimo do 'asasino da margarida'

Segundo os guionistas da serie, que foi a primeira en galego que Netflix incluíu no seu catálogo, esta é unha temporada moito máis fonda e intensa a todos os niveis, con escenarios máis tebrosos, xiros inesperados e un alto nivel de intriga ata o final

A inspectora Eva Mayo inicia o domingo unha nova viaxe polo mundo da prostitución, en 'O sabor das margaridas'

Santiago, 26.03.2020.-    A TVG ofrece  este domingo o segundo capítulo da nova temporada de 'O sabor das margaridas', a primeira serie en galego que chegou ao catálogo da plataforma Netflix. Dirixida por Álex Sampayo e con guión orixinal de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias, ten novamente como protagonista nesta quenda de capítulos a actriz María Mera, que estará acompañada por Santi Prego, Noelia Castaño e Rebeca Stones, entre outros.

Nesta segunda entrega, Eva descubrirá que se vai celebrar unha nova festa a cargo dunha organización encabezada polo Lirio e que unha coñecida axencia de modelos lles facilita as rapazas. O inspector Salgado, encargado de investigar o primeiro dos dantescos crimes do ‘asasino da margarida’, recibirá un anónimo deste criminal. Pola súa parte, Rebeca intentará escapar do zulo onde se atopa encerrada.

A aposta dos guionistas nesta nova temporada é continuar explorando o universo formulado na primeira. Por iso, o capítulo inicial, emitido o domingo pasado, presentaba a Eva Mayo, en liberdade tras dous anos en prisión, recibindo unha chamada do seu antigo compañeiro Mauro Seoane para dicirlle que a súa filla foi secuestrada.

Como sinala Eligio Montero, un dos guionistas, Eva continuará envolta nunha viaxe polo mundo da prostitución, non xa nunha pequena vila, senón "en lugares máis tebrosos e terribles que os anteriores (as escorts de luxo, o sadomasoquismo, o tráfico de menores, a darkweb...) e con conexións que se estenden máis alá do noso país".

Segundo Montero, é unha temporada moito máis intensa e fonda a todos os niveis. "A evolución dos personaxes, a estética e beleza das paraxes naturais galegas, as subtramas que debuxan paulatinamente o escenario final, os xiros de guión inesperados, a sinxeleza dos diálogos e o nivel de intriga ata o final fará que sexa moito máis entretida, sen descoidar o alcance dos temas tratados".

De éxito internacional, a primeira temporada de 'O sabor das margaridas' comezou a ser emitida na Televisión de Galicia en 2018 e en Netflix en 2019, onde continúa dispoñible en máis de 180 países. A ficción foi galardoada co Premio Mestre Mateo á mellor serie de televisión de 2019 e co Premio da Cultura Galega do ano pasado, na súa sección audiovisual. Ademais, a primeira serie en galego de Netflix situouse en abril de 2019 entre as dez series máis vistas de fala non inglesa no Reino Unido e en Irlanda.