CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A innovación e a dixitalización, claves para o crecemento das televisións públicas autonómicas

03/12/2021

FORTA presentou esta semana o informe da Universidade de Santiago e outras universidades europeas sobre as tendencias e retos do sector

A innovación e a dixitalización, claves para o crecemento das televisións públicas autonómicas

Santiago, 03.12.2021.-  A Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) presentou o Estudo da situación e tendencias dos medios audiovisuais públicos europeos ante a sociedade dixital. Trátase dun traballo académico realizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) xunto con outras 12 universidades, e coa participación de 40 académicos, que analiza os retos e tendencias dos servizos audiovisuais públicos europeos ante o futuro e a sociedade dixital.
    
A dixitalización e a innovación son aspectos chaves para o futuro da radiotelevisión pública. E esa mellora en transparencia repercutirá tamén na credibilidade e a confianza da sociedade nunha industria composta por máis dun millón de empresas e que emprega case 5,8 millóns de persoas en Europa, segundo o informe.

Deste despréndese ademais que o custo por habitante da radiotelevisión pública en España é de 42 euros, un 36% máis baixo que o da media europea (65,1 euros). O estudio recolle información tamén sobre os modelos societarios das corporacións, a converxencia e gobernanza corporativa, e sobre as audiencias cuantitativas e cualitativas.

Indícase tamén que en 2019 a industria ingresou 7.093 millóns de euros, o que supón un 332,3% máis en comparación con 2015, en que obtivo uns ingresos de 1.641 millóns de euros. Isto indica o importante desenvolvemento do sector en menos de cinco anos.

Na presentación, a presidenta de FORTA, Mar Iglesias, sinalou que “somos unha ferramenta de servizo para a cidadanía grazas ao noso xornalismo construtivo e de calidade e por iso debemos reivindicar o noso social como axentes necesarios na era de Internet para atender os valores locais, de diversidade, cidadanía e carácter social que non cubren as plataformas”, dixo.

Na presentación participou tamén o secretario xeral de FORTA, Enrique Laucirica,  quen salientou que “a dixitalización e a innovación son os grandes piares sobre os que debemos continuar crecendo para ofrecer un servizo público que atenda os intereseses da sociedade”.

O catedrático da USC Francisco Campos, dixo: “O estudo centrouse no valor público” destes entes e no que aportan para contribuír aos valores da sociedade e á súa  cohesión, sen esquecer que tamén son empresas que compiten no mercado. Salientou, así mesmo, os retos que teñen, como a dixitalización, o seu financiamento e a reestruturación do sistema de gobernanza e transparencia.