CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A inexplicable desaparición dunha moza tras unha festa porá hoxe en alerta o cuartel de "Serramoura"

14/02/2018

Marga e Diego irán tras a pista de Román, o fillo de Evaristo, que parece saber máis do que conta (22.10 h.)

A inexplicable desaparición dunha moza tras unha festa porá hoxe en alerta o cuartel de "Serramoura"

Santiago, 14.02.2018.-    Un novo caso chega este mércores a “Serramoura”. Sol, una moza que pasou a noite nunha festa ata o amencer, foi bañarse ao río, pero non saíu da auga e polo momento non hai ningún rastro dela. Marga e Diego identificarán coma sospeitosos a Román, o mozo da rapaza, e tamén a unha amiga, que estaban no lugar dos feitos e que parecen saber algo máis do que están dispostos a contar.

Pero resolver este caso non vai ser o principal problema para Tomás, senón controlar a Quique. O cabo podería aproveitar a situación pola que pasa Román para vingarse pola marcha da súa noiva, Sabela, da que culpa o pequeno dos Fiúza.

Mentres tanto, Rebeca insiste na compra dos negocios de Evaristo, custe o que custe. Ante a insistencia da executiva, Evaristo apelará, unha vez máis, á unidade dos madeireiros de Serramoura. E para isto organizará unha gran reunión á que convidará a todos os veciños da localidade cuxo modo de vida depende dos montes.

Pero, nun último intento por pechar un acordo, Rebeca ofreceralle a posibilidade de darlle ao seu fillo Román un tratamento máis avanzado para que recupere a mobilidade. Ante o perigo de que Evaristo renuncie a todo polo seu fillo, Hugo pediralle axuda a Raquel, a única persoa que aínda podería exercer algunha influencia positiva sobre el.