CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'A illa das mentiras', película de Paula Cons coa participación da TVG, estréase o 24 de xullo na plataforma Filmin

25/06/2020

Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna son os protagonistas desta primeira longametraxe de ficción da directora galega
 
Baseado en feitos reais, este thriller é unha homenaxe a tres mulleres que se converteron en heroínas tras o naufraxio do buque Santa Isabel fronte ás costas galegas en 1921 e que foron inxustamente esquecidas pola historia

'A illa das mentiras', película de Paula Cons coa participación da TVG, estréase o 24 de xullo na plataforma Filmin

Santiago, 25.06.2020.-     A longametraxe A illa das mentiras, a ópera prima da directora galega Paula Cons, coa participación da TVG, estrearase o vindeiro 24 de xullo a través de Filmin, a principal plataforma dixital de cine independente en España. Este thriller conta nos papeis principais con Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna, xunto a Victoria Teijeiro, Ana Oca e María Costas.

A película está inspirada libremente en feitos reais, concretamente no afundimento do buque Santa Isabel fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921. Este é o punto de partida dun filme en que o máis interesante non é o naufraxio en si mesmo, senón as consecuencias que ten nun microcosmos tan pechado e peculiar coma o desta pequena illa. Tamén é unha homenaxe ás tres mulleres que salvaron a vida de 48 persoas e que foron inxustamente esquecidas pola historia.

‘A illa das mentiras’ comeza a madrugada do 2 de xaneiro de 1921, cando o transatlántico Santa Isabel, con destino a Bos Aires e 260 persoas a bordo, se afunde fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora. A falta de homes na illa, tres mozas, María, Josefa e Cipriana, deciden ir ao rescate, salvando case medio cento de persoas, nun acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, León, un periodista arxentino, acode a Sálvora para cubrir a noticia do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa noite se produciron demasiadas casualidades, chegando mesmo a sospeitar que o naufraxio puido ser provocado. Mentres tanto, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.

O filme está coproducido pola galega Agallas Films, a vasca Historias do Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Conta coa participación da TVG, RTVE e ETB e co apoio de AGADIC, Goberno Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugués e o Programa Ibermedia.