CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A historia dun amor da infancia, o de Chelo e Abraham, protagonista na entrega desta semana de 'Casamos!'

14/09/2021

O seu camiño xuntos dura xa case 25 anos e, aínda que casaron hai tres, agora queren renovar os votos e gozar da voda dos seus soños

A historia dun amor da infancia, o de Chelo e Abraham, protagonista na entrega desta semana de 'Casamos!'

Santiago, 14.09.2021.-  ‘Casamos!’ (23.05 h), o programa da TVG que ofrece un retrato coral do universo das vodas en Galicia, terá esta semana como protagonistas a Chelo e Abraham, que se coñecen desde a infancia. Os dous veciños do barrio de Coia, en Vigo, xogaban xuntos de cativos. Ao ir medrando, os seus camiños separáronse, pero 15 anos despois o destino quixo que volvesen coincidir nun bar.

Desde aquela Abraham comezou a conquista de Chelo, que por aquel entón ía casar con outro home. O amor  triunfou, Chelo rompeu a súa relación e xunto a Abraham comezou na Cañiza un camiño que xa case dura 25 anos.

Chelo e Abraham casaron hai tres anos nunha voda que non foi o que soñaran. Agora queren renovar os votos nunha celebración da que si poidan gozar ao máximo e que sexa a voda dos seus soños. Só lles fai falta a súa xente máis achegada e Sanxenxo, a vila que foi testemuña de case media vida xuntos. Este si que vai ser un casamento ao seu gusto, ao que están convidados os espectadores da Televisión de Galicia.