CRTVG Viva
A Galega únese en maio á Festa das Letras 2011, dedicada ao poeta e mito existencial Lois Pereiro (1958-1996)
TVG e tvG2 concentran nestes días unha temática específica nos programas culturais “ZIGZAG DIARIO” e “EIRADO”, en “VIVIR AQUÍ” e no cine galego

Santiago, 12.05.2011.- As canles da Galega ofrecen a súa particular programación centrada na festa das Letras Galegas, á que se une con programas específicos e culturais, dos que é protagonista o poeta Lois Pereiro (Monforte de Lemos 1958 – 1996 A Coruña), a figura literaria homenaxeada este ano, recuperando e valorando a súa obra como mito marxinal cosmopolita e escritor militante na contracultura e no existencialismo.
Durante estes días e ata o festivo 17 de maio, o espazo “CADA DÍA UN LIBRO” recomenda un título de Lois Pereiro ou relacionado co poeta, namentres que “ZIGZAG DIARIO”, o programa cultural da tvG2, dedícalle os apartados de escénicas, libros, cine, teatro e tendencias, recibindo artistas e intelectuais vencellados ao escritor, como Xurxo Souto, Lino Braxe, Iago Martínez ou Margarita Ledo, en representación da Real Academia Galega.
O equipo de programas culturais da TVG prepara para o 17 de maio un “ESPECIAL LETRAS GALEGAS” (15.00h) que durante 35 minutos analizará, desde distintas perspectivas, a figura do autor de “Poesía última de amor e enfermidade”, onde se poderá ver o irmán en Monforte percorrendo os lugares máis emblemáticos visitados polo autor; declaracións de artistas e intelectuais da súa xeración e representantes da Real Academia, así como unha entrevista xa histórica realizada por Xosé Ramón Gayoso a Lois Pereiro.
Desde a mesma perspectiva cultural, o programa semanal “EIRADO”, ademais de emitirse o sábado na tvG2 poderase ver este domingo 15 na TVG (10.30h), en que ofrecerá un especial dunha hora para centrarse na figura do poeta monfortino, contando con distintos persoeiros do eido cultural de Galicia, como o irmán, Xosé Manuel Pereiro; o escritor Manuel Rivas; Manuel Axeitos, en representación da Real Academia, e unha serie de reportaxes que recollen a actividade cultural desenvolvida no que vai de ano en torno ao homenaxeado.
Co horizonte posto na narración das historias anónimas, o programa “VIVIR AQUÍ” achegarase aos centros de ensino públicos que levan os nomes de destacados persoeiros da literatura galega, lembrados xa no Día das Letras Galegas, para comprobar que saben os mozos sobre os ilustres galegos que dan nome aos colexios onde cursan os seus estudos.
Esta programación especial, que aborda desde distintas ópticas a figura do autor homenaxeado este ano, inclúe ademais a emisión na tvG2 (22.45h) de “Lois Pereiro, contra a morte”, un documental de Álex Cancelo e Iago Martínez, que persegue o eco deixado por Pereiro en Monforte, Santiago e A Coruña, pero tamén en Madrid e Berlín. Pola cámara van pasando os seus familiares, amigos e compañeiros de xeración.
Na grella da TVG e na xornada das Letras Galegas non podería faltar cine galego con maiúsculas. Así poderase gozar da produción infantil “A tropa de trapo”, estrea en primicia na televisión; “Os mortos van ás presas”, “As reliquias” e “Rafael”.
Cómpre salientar que o propio día 17 emitiranse dous recitais: Milladoiro, 30 anos, na TVG (19.15h), e Concerto Día das Letras Galegas, na tvG2 (20.30h). O primeiro deles, recolle a actuación que o afamado grupo de folk galego ofreceu no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con motivo do seu trinta aniversario. Pola súa parte, a segunda canle da Galega ofrecerá o Concerto Día das Letras Galegas, que acolle nesta xornada festiva San Domingos de Bonaval, en Compostela, organizado polo Consello da Cultura Galega. Maximino Zumalave dirixe a Real Filharmonía de Galicia, á soprano Carmen Durán e ao coro Collegium Compostellanum. O programa inclúe temas galegos e cancións compostas con textos e poemas de autores galegos.