CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Galega estrea este mércores "Non é un país para vellos"

25/01/2011

Javier Bardem acada con esta película o primeiro Óscar dun actor español

A Galega estrea este mércores "Non é un país para vellos"

Santiago, 25.01.2011.-A Galega estrea este mércores á noite a película “Non é un país para vellos”, unha combinación suprema da fonte literaria e de talento na dirección. O resultado é unha das mellores películas dos irmáns Coen, un aclamado clásico sanguento do seu estilo, que supón un pracer total para ver e escoitar.

A longametraxe obtivo 4 Óscar en 2007: mellor película, mellor director, mellor guión adaptado e mellor actor secundario a Javier Bardem pola súa interpretación memorable. Ao actor español caeulle en sorte un personaxe difícil para calquera outro, pero que el converteu en especial, en próximo e afastado, en repugnante e atractivo. A súa forma de vestir e o seu físico axudan a matizar ata a perfección un personaxe que por dereito propio merece un lugar nos altares da sétima arte. Cunha caligrafía visual moi depurada que consegue facer falar ata as pedras, un hábil traballo de cámara e un perfecto deseño de son, “Non é un país para vellos” deixa a asombrosa sensación de asistir a unha implacable aplicación de arte. En termos cinematográficos de como contar unha historia, este traballo dos Coen está destinado a estudarse nas escolas de cine do futuro.

Llewelyn Moss atopa unha camioneta rodeada por varios homes mortos. Na parte traseira hai un cargamento de heroína de dous millóns de dólares. Cando Moss colle os cartos provoca unha reacción en cadea de violencia que a lei, representada polo resentido shériff Bell, non consegue deter. Moss intenta fuxir dos seus perseguidores, especialmente do misterioso cerebro da operación.