CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A gaiteira Susana Seivane únese ao elenco de 'Malo Será!', que esta semana desembarca no Teatro Jofre de Ferrol

09/10/2019

Un duelo de vaqueiros, a conquista de América e unha festa de aniversario do máis peculiar son algúns dos argumentos dos sketchs cos que gozarán os espectadores da TVG

A gaiteira Susana Seivane únese ao elenco de 'Malo Será!', que esta semana desembarca no Teatro Jofre de Ferrol

Santiago, 09.10.2019.-     O programa itinerante ‘Malo Será!’ ofrecerá, un mércores máis, dúas horas de humor cos mellores cómicos da escena galega, nesta ocasión desde o Teatro Jofre de Ferrol. Á función desta noite unirase como convidada especial toda unha profesional da música: a gaiteira Susana Seivane.

Un auténtico duelo de vaqueiros, a conquista de América de Cristóbal Colón ou mesmo unha festa de aniversario do máis peculiar son algúns dos argumentos dos sketchs cos que gozarán os espectadores da Televisión de Galicia, baixo o título ‘Ferrol, onde eu nacín’.

Tamén gozarán das voces de Susana Sampedro e Lucía Veiga, que, co acompañamento da marabillosa gaita de Seivane, interpretarán, ao remate da función, a popular canción ‘Ferrol’ de Los Limones. Tampouco faltará a versión dunha das habaneras máis coñecidas da cidade: ‘Ferrol, onde eu nacín’.

Marcos Pereiro, Federico Pérez, Lucía Veiga, Cristina Andrade, Oswaldo Digón, Evaristo Calvo, Susana Sampedro e Susana Seivane son as actrices e actores cos que ‘Malo Será!’ desembarca esta semana na cidade departamental.