CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A gaiteira Susana Seivane e a cantante Paloma San Basilio encabezan este venres o cartel musical de 'Luar'

23/10/2020

Polo escenario do programa (22.00 h) tamén pasarán o grupo The Teta’s Van, o artista Antonio Luz, a orquestra París de Noia, a formación festiva A Tajea e as pandeireteiras de Maianas

A gaiteira Susana Seivane e a cantante Paloma San Basilio encabezan este venres o cartel musical de 'Luar'

Santiago, 23.10.2020.-     O espazo musical ‘Luar’ contará esta semana coa presenza de Susana Seivane, unha das gaiteiras galegas con máis recoñecemento nacional e internacional, que acaba de publicar ‘Dende o balcón’, o seu novo e sexto disco de estudio. Este traballo supón un regreso ás raíces tradicionais coas que a artista emprendeu a súa carreira e recolle os temas que interpretou durante o confinamento e que foron retransmitidos en directo a través das súas redes sociais.

O programa tamén recibirá a visita estelar de Paloma San Basilio, que ao longo da súa prolífica carreira publicou máis de 30 discos, a maioría dos cales foron ouro e platino e que obtiveron algúns dos galardóns máis relevantes do mundo do espectáculo. A artista madrileña interpretará temas do seu último, ‘Más cerca’, e ofrecerá unha versión da canción de Luar na Lubre ‘Tu gitana’.

No escenario estará tamén The Teta’s Van, un grupo de rapazas que pretende revolucionar as salas de concertos coa súa música. Aínda que son especialistas en versións, o seu obxectivo é divertir transmitindo e loitando contra as inxustizas que sofren as mulleres a través da lingua galega.

Outro dos convidados será o ourensán Antonio Luz, que compaxina a música co seu traballo como garda civil. Artista eminentemente autodidacta, medrou entre a paixón pola música tradicional galega e o flamenco. Luz está a presentar o seu primeiro disco, ‘28 besos’, con dez cancións compostas integramente por el.

Ademais, ‘Luar’ ofrecerá as actuacións da orquestra París de Noia, da cantante Belén Monís, do grupo festeiro A Tajea e do grupo de pandeireteiras Maianas, que ten os seus xermolos no Obradoiro de Música e Baile Tradicional do Concello de Ames.

Por outro lado, o espazo da TVG recupera ‘A adiviña do xamón’, concurso que repartiu moitos xamóns entre os espectadores durante o confinamento, e celebrará novas edicións dos concursos ‘Vai de Regueifa’ e ‘Recantos’, este último coa participación de Yago Martínez, representante da comarca Terras de Pontevedra, e de Emma López, procedente de Ourense oriental.