CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A G2 renova a súa programación con novos contidos para a rapazada e cun bloque educativo como complemento á escola

18/10/2020

A partir deste luns chegarán á pantalla a serie de ficción xuvenil ‘Miracle Tunes’, que xa foi estreada na app do Xabarín, e novas entregas do programa de produción propia ‘A Pita Cega’, cunha selección de ficcións animadas feitas en Galicia

A oferta matinal dos sábados mudará e terá unha compoñente lúdica e divulgativa con espazos como ‘O Sabedoiro’ e ‘Aquelando’

A G2 renova a súa programación con novos contidos para a rapazada e cun bloque educativo como complemento á escola

Santiago, 18.10.2020.-    A partir deste luns chegan importantes novidades á G2, a segunda canle da Televisión de Galicia, en todas as faixas de programación, co afán de achegarse máis ás demandas e gustos dos espectadores e de adaptarse mellor aos horarios de maior consumo. Refórzase a grella para que a G2 siga a ser unha canle especializada en Galicia, tanto en contido infantil e cultural coma deportivo e de servizo público.

Así, chegan á pantalla dous novos contidos para a rapazada galega: por unha parte,  ‘Miracle Tunes’, a primeira serie xuvenil musical de produción galega, que vén avalada polo seu éxito no mercado italiano e que xa foi estreada a fin de semana pasada na web da CRTVG e na APP do Xabarín, e, por outra parte, unha nova quenda de episodios do programa de produción propia ‘A Pita Cega’, que quere acompañar os máis cativos nas mañás da fin de semana cunha selección de series animadas feitas en Galicia como ‘Tutu’, ‘Axóuxeres’, ‘As aventuras de Minchi’, ‘Caracois’, etc.

De luns a venres haberá tres bloques de programación infantil e xuvenil con horarios axustados ás faixas de maior consumo nestas idades. A faixa de 7 a 9 da mañá está dedicada á produción galega feita para os máis pequenos, a de 14.00 a 15.00 h, á mítica saga ‘Dragon Ball’ e a de serán (de 18.30 a 21.45 h) a contidos variados que inclúen ‘Shin Chan’ e debuxos animados da factoría Dreamworks.

Ademais, como complemento á escola, a oferta matinal dos sábados incluirá unha compoñente lúdica-educativa nova desde as 11 da mañá, con contidos moi variados que inclúen as emblemáticas series de animación ‘Era unha vez...’, programas interactivos en que se aprenden cousas, como ‘O Sabedoiro’ ou ‘Aquelando’, clips divulgativos sobre xeografía e clima como ‘Meteoxenio’ ou ‘Xeoclip’, o concurso ‘Coma un Allo’ e programas divulgativos como ‘Feito con Cabeza’.