CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A G2 remodela desde o luns o seu 'prime time' coas novas 'Noites temáticas', para cada día da semana

31/05/2019

Cada luns, emitirase 'Feito en Europa', unha selección de documentais de televisións europeas que participaron no Prix Circom

Esta nova proposta comeza o luns 3 de xuño, coa emisión do docudrama francés 'O coleccionista'

A G2 remodela desde o luns o seu 'prime time' coas novas 'Noites temáticas', para cada día da semana

Santiago, 31.05.2019.-  Nunha aposta pola calidade e unha oferta diferenciada, a segunda canle da Televisión de Galicia pon este luns en marcha 'As noites temáticas', que dotarán dunha nova personalidade a G2 durante toda a temporada de verán. Unha nova programación para o horario de máxima audiencia, de xuño a setembro, coa que os espectadores identificarán claramente cada día da semana cunha temática diferente.   

En horario de 'prime time' e a continuación de 'A crónica', espazo de debate da Radio Galega cuxa emisión na G2 supuxo toda unha novidade na programación da segunda canle, 'As noites temáticas' arrancan este luns coa estrea de 'Feito en Europa', unha selección de documentais dos que cómpre salientar a emisión de espazos que foron presentados, e nalgúns casos premiados, nos prestixiosos Prix Circom, concedidos por Circom, a asociación de televisións rexionais públicas europeas. Estas emisións foron propiciadas pola activa presenza e participación da CRTVG nos distintos foros do sector audiovisual a nivel internacional nestes anos.

Neste senso, a primeira achega desta noite temática será a emisión de 'Le Collecteur' ('O coleccionista'), un documental da televisión pública de Francia na rexión de París sobre a figura de Arthur Langerman e a súa colección de materiais de propaganda antisemita que chega ata más de 7.000 obxectos e folletos. Na noite dos luns tamén está previsto incluír contidos procedentes do arquivo da CRTVG.

Os martes emitirase 'Unha noite con…', dedicado a entrevistas ou conversas en profundidade, e deseguido 'A noite comprometida', baixo o que se emitirán programas de servizo público e de contidos sociais, como o docudrama deste martes, 'Eloxio da distancia', rodado na Fonsagrada, que fala das catro estacións de catro personaxes que viven na 'España baleira'.

'A noite descuberta' ofrecerá cada mércores contidos de divulgación: programas de natureza, tanto galegos coma de marcas internacionais como 'National Geographic', xunto con programas sobre ciencia e novas tecnoloxías, boa parte deles feitos en Galicia.

Os xoves, en 'A noite musical', a G2 centrarase en propostas baseadas nos músicos galegos e en actuacións musicais ao vivo de todos os estilos. Desde concertos nas noites de verán en Galicia ata música clásica e grupos emerxentes gravados para a CRTVG. O primeiro programa desta sección vai ser a estrea de 'Galician Connections', un documental de 80 minutos que recolle a destacada participación galega no maior evento anual de música celta do mundo, o Celtic Connections, que se celebrou o pasado mes de xaneiro.

Tras a emisión do programa multimedia 'Como que non', que tamén se ofrece na Radio Galega, os venres será o momento de 'A noite do cine', con películas de diversos estilos incluído o cine galego. Os sábados será a segunda xornada semanal de 'A noite do cine'.

Estas noites temáticas distinguiranse cunha cabeceira xenérica de estética alternativa pero con modificacións que identificarán o tema de cada día. A nova programación da G2 irá reforzada, amais, diariamente coa emisión de videoclips con actuacións de música contemporánea en vivo.