CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A G2 ofrece este domingo unha reportaxe sobre o 20 aniversario do título de Liga conseguido polo Deportivo da Coruña

23/05/2020

A través do testemuño dos integrantes daquel equipo histórico, o xornalista Alfonso Hermida reconstrúe as datas máxicas do 19 e 20 de maio de 2000, instaladas para sempre no olimpo deportivista

A G2 ofrece este domingo unha reportaxe sobre o 20 aniversario do título de Liga conseguido polo Deportivo da Coruña

Santiago, 23.05.2020.-     Baixo o título ‘Cando fomos os mellores’, a segunda canle da Galega ofrece este domingo á tarde (19.35 h) unha reportaxe coas voces dos integrantes do histórico equipo que logrou hai xusto 20 anos o primeiro título de Liga para o Deportivo da Coruña.

A través do testemuño do presidente da entidade naquel momento, Augusto César Lendoiro, do adestrador Javier Irureta e dos principais xogadores que contribuíron a ese éxito, como Mauro Silva, Fran, Donato, Manuel Pablo e Turu Flores, o xornalista Alfonso Hermida reconstrúe as datas máxicas do 19 e 20 de maio de 2000, instaladas para sempre no olimpo deportivista e na retina dos afeccionados.

A reportaxe inclúe tamén as mellores imaxes dunha retransmisión da TVG que se estendeu máis de nove horas durante a xornada en que o equipo coruñés derrotou o Espanyol en Riazor, que continuou co seguimento do festexo e que tivo o seu punto final na praza de María Pita.