CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A G2 estrea este martes o documental ‘As Encrobas, a ceo aberto’, sobre un conflito que nos anos 70 traspasou fronteiras

22/02/2021

Dirixido por Xosé Bocixa Rey, recolle a loita vivida en plena decadencia do franquismo, cando Unión Fenosa intentou expropiar á forza as propiedades dos labregos da zona

A G2 estrea este martes o documental ‘As Encrobas, a ceo aberto’, sobre un conflito que nos anos 70 traspasou fronteiras

Santiago, 22.02.2021.-  A segunda canle da Galega estrea este martes (23.25 h), dentro de ‘A noite da descuberta’, o documental ‘As Encrobas, a ceo aberto’, ambientado nesta parroquia do concello de Cerceda, que a mediados dos anos 70 contaba con case mil douscentos habitantes e arredor de 250 casas. Neste lugar abríase un fértil e amplo val agrícola ao carón da parte sur dos montes de Xalo, atravesado polo río Barcés e durante séculos foi o medio de vida dun gran número de familias dedicadas tradicionalmente á agricultura.

No ano 77, as Encrobas salta aos medios de comunicación cando a empresa Limeisa, filial de Unión Fenosa, pretende facerse coas terras e casas do val que albergaba miles de toneladas de carbón. Amparándose nun expediente de expropiación aprobado polo consello de ministros presidido por Franco no pazo de Meirás no verán do 1972, en que se declaraba de interese público a extracción do carbón co obxectivo de alimentar unha central térmica. A empresa ofrece prezos moi baixos aos labregos e labregas polas súas propiedades e foi entón cando comezaron os intentos de expropiación forzosa e os enfrontamentos cos veciños, que non estaban dispostos a abandonar o seu medio de vida a calquera prezo.

Baixo a dirección de Xosé Bocixa Rey, familiares dos labregos, xunto con testemuñas que viviron os feitos, relatarán este conflito, que nos anos 70 traspasou as fronteiras galegas e mesmo estatais. Xornais e televisións de Europa e América recollían os enfrontamentos entre labregos armados con paus e paraugas fronte a gardas civís armados con mosquetóns en plena decadencia do franquismo.