CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A G2 estrea esta semana o documental 'Vigo 1972', que rememora un dos fitos galegos da loita antifranquista

09/03/2021

Baixo a dirección de Roi Cagiao, lembra a folga que tivo lugar en setembro dese ano na cidade olívica, mergullando ao espectador nun relato tan trepidante como emotivo

A G2 estrea esta semana o documental 'Vigo 1972', que rememora un dos fitos galegos da loita antifranquista

Santiago, 09.03.2021.-    A segunda canle da Galega estrea este martes, dentro de ‘A noite da descuberta’, o documental ‘Vigo 1972’ (23.25 h), que recupera a memoria dun dos momentos máis relevantes da loita contra o franquismo e conmemora a folga que tivo lugar en setembro dese mesmo ano na cidade olívica. 

En 1972, o despedimento de cinco traballadores da factoría Citroën deu lugar ao que sería un fito na historia galega. O movemento de solidariedade por parte do resto de traballadores desembocou na maior folga xeral levada a cabo en Galicia en plena ditadura. Máis de 30.000 traballadores e traballadoras da comarca de Vigo participaron durante dúas semanas neste movemento, en que tiveron lugar miles de despedimentos e centos de persoas detidas e feridas. Isto puxo en xaque o franquismo, converteu a cidade en centro de interese internacional e situou Galicia na vangarda da loita contra a ditadura. 

Baixo a dirección de Roi Cagiao, ‘Vigo 1972’ reconstrúe aqueles feitos mediante unha estrutura en forma de crónica diaria dos acontecementos, á vez que intercala declaracións, materiais de arquivo documental e dramatizacións. Coa colaboración da Deputación de Pontevedra, o Foro pola Memoria de Galicia, o Festival Primavera do Cine e Aerocámaras, este documental mergulla o espectador nun relato tan trepidante como emotivo.