CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Éxito de audiencia de 'A estiba', que no seu segundo capítulo acadou unha cota de pantalla do 13,5%

30/09/2019

Este thriller policial, unha das grandes apostas da TVG para as noites dos domingos, tivo unha audiencia media de 122.000 espectadores

Éxito de audiencia de 'A estiba', que no seu segundo capítulo acadou unha cota de pantalla do 13,5%

Santiago, 30.09.2019.-    O thriller policial 'A estiba', unha das grandes apostas da TVG para este outono e que foi estreada a semana pasada, está a recibir o visto e prace da audiencia. O seu segundo capítulo, que se ofreceu este domingo, rexistrou un destacable 13,5% de cota de pantalla e tivo unha audiencia media de 122.000 espectadores. O total de contactos da emisión foi de 198.000 persoas.

Un misterio e moita acción é o punto de partida de 'A estiba', que comezou co atraque dun barco con toda a tripulación masacrada no porto de Ardora, unha cidade próspera pero cos índices de criminalidade máis elevados do país. Os espectadores viron onte como Manuela Fortes, a nova comisaria de Ardora, en substitución do seu pai, comezou a recibir críticas pola súa xestión deste caso.

Cos seus bos resultados de audiencia nos primeiros episodios, 'A estiba', a primeira ficción dos medios públicos galegos inspirada no traballo da Policía Nacional, producida por Voz Audiovisual, comeza a seguir a estela doutras series de suspense e acción de éxito da TVG como 'Matalobos' e a máis recente 'Serramoura'.