CRTVG Viva
"A Esmorga" competirá a semana que vén no Festival de Cine Español de Toulouse
A película de Ignacio Vilar, participada pola TVG, asiste a este certame case dez meses despois do seu paso de éxito polas salas comerciais

Santiago, 29.09.2015.- A película galega “A Esmorga” segue dándose a coñecer case dez meses despois da súa exitosa estrea e da excelente acollida que tivo nas salas comerciais por parte do público. Agora, a cinta de Ignacio Vilar foi seleccionada para participar na sección oficial a competición do vixésimo Festival du Film Espagnol de Toulouse.
Despois dun verán de pases ao aire libre por toda Galicia, a historia do Cibrán, o Bocas e o Milhomes proxectarase na localidade francesa de Toulouse os próximos 6 e 9 de outubro e estará arroupada pola presenza do director da mesma e por un dos actores protagonistas, Antón Durán ‘Morris’.
“A Esmorga” é unha longametraxe coproducida por Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e Televisión de Galicia, baseada na novela homónima de Eduardo Blanco Amor. Os actores Karra Elejalde e Miguel de Lira completan xunto a Morris o trío actoral protagonista.