CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG véndelle á RAI italiana o formato 'Historias mínimas'

20/09/2019

Alfonso Sánchez Izquierdo anunciou no Parlamento unha nova venda dun formato orixinal, o que segue a aumentar a proxección do audiovisual galego no exterior

Sinalou no Parlamento que os medios públicos seguen a traballar pola igualdade, con accións de visibilización da muller en distintos eidos e novas campañas, e anuciou a sinatura dun novo convenio coa Secretaría Xeral de Igualdade

A CRTVG véndelle á RAI italiana o formato 'Historias mínimas'

Santiago, 20.09.2019.-   O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, anunciou hoxe na Comisión de Control mensual da Corporación no Parlamento de Galicia un novo contrato fóra das fronteiras galegas. A CRTVG segue a espallar os horizontes do audiovisual galego, neste caso das creadoras galegas polo mundo, ao venderlle á RAI italiana o formato 'Historias mínimas', un programa de confidencias que percorre Galicia en busca de experiencias de vida, elaborado pola produtora Tamboura para a CRTVG.

'Historias mínimas' confórmase coa realidade de xente común, captada na rúa e sen ningún tipo de guión previo. O único requisito é que os testemuños que se contan son todos verdade e resultaron transcendentes para quen os viviu. Os protagonistas relatan, nun tempo limitado, a experiencia que máis os marcou. Protagonistas descoñecidos, situados en lugares espectaculares, amosan o que é a vida a través das súas propias experiencias.

A Corporación anuncia tamén que está en conversas cun dos maiores grupos europeos de produción de contidos para a venda doutro formato recentemente estreado esta temporada.

Muller e igualdade

Dentro das accións de Responsabilidade Social Corporativa dos medios públicos galegos, o director xeral anunciou que a CRTVG realizará a finais deste ano unha campaña destinada visibilizar o papel esencial da muller galega no eido rural, “a súa función e o seu valor para un sector imprescindible para Galicia, xa que a mellor forma de loitar pola igualdade entre homes e mulleres é con accións concretas. E neste eido, a CRTVG está nunha posición de vangarda”, sinalou. Esta nova campaña enmárcase nas #AcciónsG da Corporación, que teñen a igualdade como eixo transversal e que se basean nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.

Sánchez Izquierdo informou que a Corporación asinará este outono un novo convenio coa Secretaría Xeral de Igualdade, baixo o cal se intensificará a emisión de campañas de sensibilización contra a violencia de xénero, e que se deseñará “de cara cara ao vindeiro ano, un programa formativo dirixido aos profesionais da CRTVG, para incidir aínda máis en cuestións como o tratamento informativo da violencia de xénero ou noutros aspectos relevantes como o emprego da linguaxe inclusiva como parte das boas prácticas neste eido”.

Izquierdo rematou a súa intervención incidindo no novo ámbito dixital e na resposta que os medios públicos teñen que dar para combinar información de proximidade coa celeridade que requiren os novos hábitos de consumo.