CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG presentou no Foro do Deporte un sistema dixital que lles permitirá aos clubs gravar de balde os partidos

24/04/2019

Esta nova ferramenta, segundo explicou o director de Innovación da Corporación, posibilitará recoller imaxes e distribuílas a través da canle deporte360.gal da CRTVG
 

A CRTVG presentou no Foro do Deporte un sistema dixital que lles permitirá aos clubs gravar de balde os partidos

Santiago, 24.04.2019.-  No marco do Foro do Deporte Federado, desenvolvido na Escola Galega de Administración Pública, a CRTVG presentou unha nova ferramenta audiovisual, que lles permitirá aos clubs deportivos recoller as imaxes de cada partido e distribuílas a través dunha canle específica da Corporación, denominada deporte360.gal.  

José Pereira Fariña, director de Innovación e Negocio da CRTVG, presentou esta nova plataforma dixital, que permite a gravación, produción, distribución e visualización multicámara de calquera acontecemento deportivo. A nova canle, de momento en fase experimental, ten por obxecto converterse nun lugar de referencia que documente as actividades deportivas dos deportes base, feminino e alternativo que se celebran en Galicia cada temporada.

A CRTVG pon este sistema a disposición de balde de todas as federacións deportivas galegas. Este proxecto formalizouse tras a sinatura dun convenio o mes de maio pasado entre a Corporación e a Secretaría Xeral para o Deporte.