CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG presenta uns orzamentos expansivos e orientados á innovación por un importe de 109,2 millóns de euros

05/11/2018

O director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, explicou no Parlamento que as contas amosan “un renovado compromiso cara a contribuír á modernización tecnolóxica da actividade produtiva”, en alusión á nova contorna dixital da Corporación

O proxecto económico inclúe unha achega da comunidade autónoma de 100,1 millóns, o 91,7% dos recursos totais

 

A CRTVG presenta uns orzamentos expansivos e orientados á innovación por un importe de 109,2 millóns de euros

Santiago, 05.11.2018.-      Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, presentou hoxe no Parlamento de Galicia os orzamentos da Corporación para 2019, por un importe total de 109,2 millóns de euros, 2,3 millóns máis ca en 2018. Son uns orzamentos que cualificou de expansivos e cunha importante orientación á innovación e aos novos soportes.

Na súa comparecencia na Comisión de Orzamentos, Izquierdo salientou que o proxecto económico para 2019 amosa “un renovado compromiso cara a contribuír á modernización tecnolóxica da actividade produtiva”. Tamén, destacou que as achegas da comunidade autónoma se sitúan para o ano vindeiro en 100,1 millóns de euros, o 91,7% dos recursos totais, e os ingresos publicitarios en 8,1 millóns (7,4%).

Entre outras partidas, Sánchez Izquierdo indicou que as compras de produción propia externa crecen ata os 25,6 millóns de euros, mentres que as compras de produción allea se situarán nos 2,1 millóns, os dereitos de retransmisións deportivas soben ata 1 millón de euros, e as dobraxes e subtitulacións sitúanse en 1,35 millóns, importes moi similares aos de 2018.

O apartado de gastos de persoal supón 51,7 millóns de euros, “cun incremento de 1,6 millóns respecto do ano 2018, aínda que en liñas xerais, o gasto en recursos humanos mantén unha tendencia de contención, iniciada no exercicio 2012 nunha contorna de contención salarial, de optimización dos recursos dispoñibles e mesmo de diminución das provisións laborais en comparación con exercicios anteriores, motivado polo efecto da redución significativa da problemática laboral unha vez executada e financiada a actuación de saneamento levada a cabo nesta área”. Sánchez Izquierdo salientou a contribución do cadro de persoal da Corporación ao asentamento do proceso de dixitalización e recoñeceu expresamente “a dilatada experiencia e probada capacidade, mesmo no seu compromiso histórico co proxecto que a CRTVG encarna” dos e das profesionais dos medios públicos, dos que dixo que “constitúen o activo máis valioso da Corporación” .

Para 2019 estímase que o nivel de contratacións co sector audiovisual galego acade un importe aproximado de 34,8 millóns de euros, o 31,8% do orzamento de explotación da Corporación, e “facendo a comparación coa achega patrimonial de explotación para 2019, 99,9 millóns de euros, a actividade comercial co sector audiovisual galego absorbe o 34,8% de dita achega patrimonial”, remarcou. Respecto desa relación comercial, o director xeral destacou “as dotacións para o cine, series de ficción, documentais e entretemento, con 25,6 millóns de euros, ou as das coproducións audiovisuais (apoio o cine), con 0,9 millóns de euros”.

Izquierdo insistiu en que o orzamento pon de manifesto un feito recorrente: “o significativo efecto de aplicación no tecido produtivo galego, xa que máis do 90% do orzamento da Corporación reverte directamente nos traballadores e na industria audiovisual galega”. Por último, salientou que o proxecto de orzamentos se centra nunha provisión eficiente do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia e que garante o cumprimento por parte da CRTVG da súa misión de ofrecer unha programación competitiva e de calidade baixo criterios de visión estratéxica e integral da provisión.