CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG pon fin a 'Destino Santiago' tras case 500 horas en directo da primeira experiencia de 'slow TV' en España

29/04/2017

A directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, destacou o éxito da experiencia pioneira de televisión amodiño dos medios públicos galegos, que amosou a súa relevancia dentro e fóra de Galicia 

O espazo acadou máis de cen millóns de vistualizacións e 2,8 millóns de interaccións en Twitter

Lucía Pérez e Tonhito de Poi anunciaron que lanzarán un disco 

 

A CRTVG pon fin a 'Destino Santiago' tras case 500 horas en directo da primeira experiencia de 'slow TV' en España

Santiago, 29.04.2017.- A CRTVG despediu hoxe o proxecto 'Destino Santiago', tras 40 días e case 500 horas de emisión en directo. Nunha conferencia de prensa cos protagonistas da aventura, Lucía Pérez, e Tonhito de Poi, e o director da productora Starplanning, Miguel Cacharrón, a directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, lembrou que os medios públicos galegos foron os primeiros en introducir en España a coñecida como slow TV ou televisión amodiño, na súa versión en galego, culminando con éxito un proxecto pioneiro. Ao longo da súa emisión, o formato tivo cen millóns de visualizacións en Twitter e 2,8 millóns de interaccións desde 30 países nesta rede social. 

Neste sentido, Rosa Vilas subliñou que "A Televisión de Galicia fixo, nun momento de transformación dixital, un gran esforzo de posicionamiento, demostrando que ten a capacidade de ser relevante, dentro e fóra de Galicia, coa TDT e cos novos medios". O carácter innovador dun formato traído dos países nórdicos despertou interese en medios de España e o estranxeiro, que viron a TVG como "un referente", explicou. Tamén incidiu no reto técnico que supuxo seguir en directo, doce horas ao día, a dous peregrinos, cun pequeno equipo retransmitindo en movilidade e indicou que, con 'Destino Santiago' e a televisión amodiño, a TVG inaugura unha nova canle, TVG Amodiño. 

Ademais, a directora da Televisión de Galicia subliñou o carácter global do proxecto, con emisión online e conexións en radio e televisión. Chegouse mesmo a facer a o programa de radio 'Galicia por diante' co presentador Kiko Novoa acompañando os peregrinos nunha retransmisión simultánea en streaming e na Radio Galega e, nalgún momento do percorrdio, a plataforma da CRTVG mantivo operativas catro canles con contidos de 'Destino Santiago', dixo.

En canto aos momentos máis seguidos do espazo, lembrou a subida en globo na Rioxa, en que os medios públicos emitiron en directo desde o aire, chegando a 44.000 persoas en Facebook.  Pola súa banda, os protagonistas da aventura avanzaron que sacarán un disco cos temas que interpretaron ao longo da súa viaxe de Roncesvalles a Compostela, na que estiveron acompañados por artistas, actores e presentadores como Serafín Zubiri, Xosé Manuel Piñeiro, Xosé Ramón Gayoso, Roberto Vilar ou a Real Banda de Gaitas de Ourense. Lucía Pérez dixo sentir "unha felicidade que non me colle no corpo" e equiparou a experiencia, a nivel persoal, coa súa participación en Eurovisión, tanto "polo equipo como pola maxia do Camiño". Tonhito de Poi considerou 'Destino Santiago' o proxecto máis interesante no que participiou, ao poder combinar "a súa paixón pola natureza coa carga emocional do Camiño", que, para el, explicou, comeza agora, tempo en que poderá reflexionar sobre as experiencias vividas e as xentes coas que se atopou, entre elas, unha fan que lles saíu ao encontro e un home en cadeira de rodas que os definiu como a "súa mellor compañía", e, sobre todo, "seguir camiñando en harmonía coa contorna".

Miguel Cacharrón fixo fincapé no reto que supón mostrar o día a día de dous peregrinos, algo que nunca se fixera, e no esforzo do equipo humano que o fixo posible.

'Destino Santiago' despídese hoxe da audiencia a través do programa 'Aquí Galicia', que a TVG emite en directo de 16 a 19.00 h. e en que participarán Tonhito de Poi e Lucía Pérez, e cun concerto no Hostal dos Reis Católicos, ás 20.00 h., con distintos artistas. Os espectadores poderán seguir o peche do espazo en www.destinosantiagotvg.gal.

 

Foto: A directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, con Lucía Pérez e Tonhito de Poi, protagonistas da aventura, e Miguel Cacharrón, director da productora Starplanning.

 

Galería de imaxes