CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG pon en marcha un paquete de medidas de apoio ao sector audiovisual e creativo para contrarrestar os efectos da Covid-19

08/04/2020

As medidas atinxen novas producións, prazos administrativos e adquisición de contidos en diferentes formatos

A execución das medidas mobiliza todas as canles da Corporación

 

 

A CRTVG pon en marcha un paquete de medidas de apoio ao sector audiovisual e creativo para contrarrestar os efectos da Covid-19

Santiago, 08.04.2020.-    Durante esta crise, a CRTVG enviou unha sólida mensaxe de apoio ao sector audiovisual galego que se viu reflectida na continuidade na grella dos programas de entretemento. Esta forma de actuar parte da firme convicción de que a achega do sector audiovisual forma parte do servizo público esencial que representa a Corporación Radio e Televisión de Galicia.

A conxuntura extraordinaria que se vive na industria cultural e creativa, e en especial na audiovisual, proxecta o seu efecto sobre o normal desenvolvemento da súa actividade. Por este motivo, a CRTVG propúxose adoptar un paquete de medidas que contribúan a favorecer a actividade deste sector. Pretende así a CRTVG contribuír a achegar un apoio decidido como empresa integradora da cadea de valor da industria cultural e creativa galega.

A CRTVG adopta estas medidas no marco e alcance da misión de servizo público que ten encomendada na Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, sen prexuízo das actuacións que puideran implantar as distintas administracións públicas.

As iniciativas que compoñen este conxunto de medidas, as cales amosan o renovado compromiso corporativo coa industria audiovisual galega e o seu tecido produtivo, son as seguintes:

  • Mantemento do groso da programación de proximidade dos diferentes medios públicos galegos, con centos de contratos para traballadores e prestadores de servizos da industria cultural e creativa galega, como expresión esencial do servizo público en información, entretemento, divulgación, cultura e coñecemento no momento en que máis o demanda o conxunto da cidadanía de Galicia desde os seus fogares.
  • Contratación de novos produtos audiovisuais adaptados ás novas necesidades xurdidas na sociedade galega durante o estado de alarma. Estase a pensar en: contidos educativos, sociais, experiencias innovadoras coma a slow TV ou a carteleira de cine dixital, sen prexuízo de atender as restricións que marquen as autoridades públicas para combater a pandemia da COVID-19.
  • Redución dos prazos de pagamento polos produtos entregados e servizos prestados á CRTVG.
  • Posta en marcha do procedemento de selección e formalización dos contratos de apoio á produción audiovisual que teñan xa definido o seu cronograma de produción. Esta actuación realízase baixo o obxectivo de que as produtoras poidan destinar o tempo do estado de alarma á preprodución dos seus proxectos audiovisuais.
  • Pactar unha moratoria dos prazos de entrega daquelas producións que viron interrompido o seu plan de produción por causa do estado de alarma.
  • Celebración con carácter inmediato (finais do mes de abril ou principios de maio) dunha comisión extraordinaria de avaliación de proxectos audiovisuais da CRTVG. Anticípase así a toma de decisións para a selección de proxectos participados pola Corporación co fin de contribuír a apoiar a produción audiovisual galega.
  • Promoción da tramitación das contratacións da CRTVG mediante a transferencia dixital dos materiais relacionados, como documentación en PDF e entrega de produto a través de FTP, para axilizar a súa tramitación e rebaixar os seus custos.
  • Reforzo de investimento, nas próximas semanas, para a adquisición de documentais en galego de produtoras audiovisuais que os teñan rematados, nos que a CRTVG non participara no seu momento. A Corporación, unha vez avaliados, pretende así incrementar o seu fondo documental.
  • Activar con carácter inmediato un procedemento para a selección de propostas para a contratación dun documental relacionado co momento actual COVID-19. Neste caso incluiranse condicións preferentes de acceso ao arquivo da CRTVG para a súa elaboración.
  • Activar un procedemento para a selección de proxectos destinados á adaptación a televisión, mediante rodaxe en escenario, dunha obra preexistente da produción teatral galega.
  • Reactivación da produción musical galega para televisión e radio na medida en que a regulación sanitaria o permita, nos programas dos medios públicos galegos especializados como “Luar”, “Bamboleo”, “Os Cantos Rolados”, “Estudio 3” e “Ben Compasado”.
  • Establecemento dun ciclo de concertos de música vía web para amosar nos medios públicos galegos a creatividade contemporánea, en especial da música emerxente nos distintos xéneros.
  • Reactivación inmediata da actividade de dobraxe cara a contribuír con rapidez, no momento en que os estudios se encontren en condicións operativas, á súa normal actividade tras as restricións derivadas da epidemia de COVID-19.
  • Axudar o sector audiovisual galego a participar nos certames internacionais nos que poidan compararse con producións doutros países e intercambiar coñecemento cos seus axentes, como o Prix CIRCOM e o Celtic Media Festival.
  • Procura de alianzas ou colaboracións con iniciativas audiovisuais existentes que a CRTVG podería incorporar á súa oferta tanto televisiva como en redes.