CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novo concurso musical para encontrarlle unha melodía galega ao Nadal na CRTVG

02/11/2017

Nesta terceira edición do certame, as persoas interesadas en participar en 'Este Nadal Canta con Nós' teñen de prazo ata o 6 de decembro para presentar a súa canción
 
Os temas, en galego e de temática libre, enviaranse en formato mp3 ou mp4 ao enderezo canciondonadal2017@crtvg.es
 

Novo concurso musical para encontrarlle unha melodía galega ao Nadal na CRTVG

Santiago, 02.11.2017.- Ás portas do Nadal, a CRTVG acaba de poñer en marcha un novo concurso para buscarlle a banda sonora que acompañe os galegos nos festexos deste 2017. O prazo de presentación de cancións ao certame 'Este Nadal Canta con Nós' estará aberto ata o próximo 6 de decembro, incluído. Cunha dotación económica de 1.000 euros, o xurado valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. Ademais do premio, a canción gañadora terá difusión na televisión e na radio públicas, así como nas redes sociais.

Co gallo de atopar esa melodía que identifique o Nadal nos medios públicos, nesta convocatoria as cancións son inéditas, en lingua galega e totalmente orixinais ou, se non, versións que conten coa autorización dos titulares dos dereitos. Cada concursante presentará un só tema, cunha duración non superior aos 4 minutos e poderá enviar un vídeo musical do mesmo. Os participantes enviarán as súas cancións, de temática libre, en formato mp3 ou mp4, en caso de presentar un vídeo musical, ao enderezo canciondonadal2017@crtvg.es.

O gañador cederá á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública da súa canción. Pola súa parte, o xurado estará composto por 6 persoas designadas pola dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia. Farase público o vencedor o 11 de decembro na web www.crtvg.gal, onde tamén poden consultarse as bases.

Esta é a terceira edición do concurso musical, que anteriormente gañaron Iván Vale, coa canción 'O meu Nadal perfecto', e Plan Siberia, con 'Xunto a ti'. Nestas convocatorias previas se presentaron máis dun cento de persoas que destacaron pola súa calidade, orixinalidade e creatividade.

Na foto superior, Gabriel Blanco, de nome artístico Plan Siberia, o gañador da anterior edición, nunha das súas actuacións en programas da TVG.