CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG participou no encontro 'Hoxe pregunto eu' da Federación Galega de Persoas con Discapacidade Intelectual

04/12/2017

Sevi Martínez, presentador do magazine 'A Revista” de Televisión de Galicia, respondeu ás inquedanzas dos usuarios e voluntarios da rede de entidades que integran Fademga

A CRTVG participou no encontro 'Hoxe pregunto eu' da Federación Galega de Persoas con Discapacidade Intelectual

Santiago, 04.12.2017.-   O día a día dun medio de comunicación, ou como contar unha historia de interese para un xornalista foron algúns dos temas que se trataron o sábado no encontro 'Hoxe pregunto eu' entre xornalistas e persoas con discapacidade intelectual organizado pola Federación Galega de Persoas con Discapacidade Intelectual (Fademga) e en que participou a CRTVG. No encontro interviñeron Sevi Martínez, presentador do espazo 'A revista' da Televisión de Galicia, Xaime Leiro, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Víctor Sariego, redactor da revista 'Entremayores'.

O obxectivo da actividade foi darlle máis visibilidade á discapacidade, achegar máis este colectivo ao sector da comunicación, que os xornalistas puideran explicar en que consiste o seu traballo diario e cal é o mellor xeito de contactar con eles e facer máis atractivos os contidos. O encontro celebrouse no marco do programa de actividades do Día da Discapacidade, que se celebra cada 3 de decembro. Ata hoxe, xa se celebraron estes encontros en Castela e León, Asturias, Madrid, Valencia e agora Galicia.

Os asistentes ao encontro, na súa maioría persoas con discapacidade intelectual, participaron nunha animada sesión de preguntas e respostas en que deixaron constancia do seu interese pola profesión xornalística. As inquedanzas do colectivo de persoas con discapacidade intelectual pasan polo tratamento que se lle dá a propia discapacidade nos medios como tamén polas posibilidades que teñen para poder traballar algún día integrados nas diferentes redaccións.

A CRTVG desenvolve ao longo do ano diversas accións de apoio aos colectivos de persoas con discapacidade, tratando de atender as súas demandas, e facendo o posible para que sintan que estas son tamén as súas canles de televisión e radio.

Imaxe: Twitter Fademga, @PlenaGalicia