CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG intervén en seis novos proxectos cinematográficos, dentro das accións de apoio ao sector audiovisual galego

08/10/2019

Son as longametraxes 'Eles transportan a morte', 'Cuñados' e 'San Simón', e tres documentais: 'O método', 'Welcome to ma maison' e 'Alén da Terra'

A CRTVG intervén en seis novos proxectos cinematográficos, dentro das accións de apoio ao sector audiovisual galego

Santiago, 08.10.2019.-  A CRTVG acordou a súa participación nun total de seis novos  proxectos cinematográficos, tres longametraxes e tres documentais, en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual. Despois da avaliación realizada pola Comisión Directiva de Programación da TVG, que analizou as distintas propostas presentadas, determinouse a participación da CRTVG nesta selección de proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%. Favorecer o sostemento dun sector audiovisual galego que busque tamén a mellora da sociedade e apoiar na creación neste eido unha identidade propia conforman algúns dos criterios que se seguen neste proceso de selección.
    
No que respecta ás longametraxes, a CRTVG vai apoiar por unha parte un título de autor, 'Eles transportan a morte', avalado por dous directores, Samuel M. Delgado e Helena Girón, con ampla traxectoria en festivais internacionais de referencia, como Toronto International Film Festival, New York Film Festival, Mar del Plata ou o International Film Festival Rotterdam. A película, que explora novas formas narrativas, aborda unha metáfora sobre o descubrimento de América, invitando a reflexionar sobre o pasado e o presente.

Ademais, a Corporación seleccionou outras dúas películas: 'Cuñados', unha divertida comedia familiar moi arraigada na cultura galega arredor da historia dun crime que transcorre en Santiago de Compostela; e a longametraxe máis experimental 'San Simón'.

'Cuñados', unha proposta de Portocabo TV, é unha comedia dirixida por Jorge Coira que versa sobre as peripecias de dous cuñados dunha familia tipicamente galega que acabarán descubrindo que non hai crime perfecto. A película conta cun coñecido reparto, con Xosé Antonio Touriñán, Eva Fernández, Federico Pérez e Miguel de Lira entre outros. Pola súa parte, 'San Simón', do director Miguel A. Delgado, é unha  longametraxe de marcado carácter autoral que se move entre dous eixos: o espazo xeográfico da Illa de San Simón na ría de Vigo, e a rutina da prisión. Pero o obxectivo da película vai máis alá do feito histórico de 1936, e pretende mostrar principalmente a fraternidade entre os homes e o afán de supervivencia.

Xa no apartado documental, a Galega acordou participar en tres producións. 'O método', de  Rubén Riós, que descobre a través dun percorrido por diversas cidades do ámbito nacional as experiencias vitais, o afán de superación e a enérxica loita das persoas con discapacidade. Outro documental que contará co apoio da CRTVG é 'Welcome to ma maison', unha nova proposta do director e guionista de 'Dhogs', Andrés Goteira. O documental narra as desventuras dun actor centrado na investigación cinematográfica e obsesionado coa filmografía do director dinamarqués Nicolas Winding Refn (Drive).

Así mesmo, neste apartado de documentais inclúese 'Alén da terra', unha proposta documental de Somadrome Filmes, de gran interese divulgativo e científico. O documental destaca a posición de Galicia nesta nova era espacial grazas á industria dos nanosatélites.