CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG participará con programación especial no Día das Letras Galegas, dedicado a Carlos Casares

13/02/2017

A directora da Televisión de Galicia destacou hoxe o compromiso dos medios públicos coa efeméride e avanzou os contidos cos que contribuirán á súa difusión

A TVG estreará un documental sobre o escritor e a Radio Galegaemitirá 40 microespazos con textos da súa Obra

A web da CRTVG incorporará unha canle temática

A CRTVG participará con programación especial no Día das Letras Galegas, dedicado a Carlos Casares

Santiago, 13.02.2017.- A directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, participou hoxe na Cidade da Cultura no acto de presentación das actividades programadas para homenaxear o escritor Carlos Casares no ano en se lle dedica o Día das Letras Galegas. Rosa Vilas aproveitou o evento para destacar o compromiso dos medios públicos coa promoción da cultura galega e avanzar algunhas das actividades que, como vén sendo habitual, as distintas canles da corporación levarán a cabo ao redor desta celebración. 

“Será unha actividade moi ampla, que abranguerá todo o ámbito da corporación, tanto a televisión, como a radio e a web”, explicou a directora da Televisión de Galicia, que destacou tamén que, cada ano, “o obxectivo dos medios públicos é o de crecer e de ampliar máis este espazo”.

Deste xeito, a Televisión de Galicia incluirá de modo transversal contidos relacionados coa efeméride nos seus programas habituais e informativos, e porá en marcha unha campaña de promoción do Día das Letras Galegas. Ademais, emitirá un especial “ZigZag Diario”, de 25 minutos de duración, en que se falará da obra e vida do escritor ourensán. Tamén estreará un documental dedicado a Carlos Casares e abordará a súa figura e o impacto que tivo na cultura e a sociedade galegas a través de programas de entretemento coma “Luar” ou “Aquí Galicia”. Así mesmo, o programa “Cada día un libro” ocuparase das súas obras. 

O 13 de maio, a TVG emitirá un especial “Vivir Aquí”, que recollerá o aspecto máis humano e persoal de Carlos Casares. O programa desprazarase ata Xinzo de Limia, onde o escritor pasou parte da súa infancia e onde o seu pai exerceu como mestre. 

Pola súa banda, a Radio Galega realizará unha ampla cobertura dos actos homenaxe ao autor, con diversas entrevistas a personaxes do mundo da cultura ou da ciencia nos magazines “Galicia por diante”, “A tarde” e “Somos quen”, o que permitirá á emisora abordar distintos aspectos da obra e vida de Casares. Tamén emitirá 40 microespazos de tres minutos de duración, con textos do escritor, aos que porán voz recoñecidas figuras da cultura galega. Finalmente, “Diario Cultural” incluirá pezas específicas e faladoiros enfocados a tratar a figura do ourensán e o Día das Letras Galegas. 

Na súa páxina web,  a CRTVG activará unha canle temática dedicada a Carlos Casares, con contidos que ampliará a través da súa sección cultural, onde haberá elementos dedicados non só ao escritor, senón tamén a outros homenaxeados, para dar visibilidade ao Día das Letras Galegas. Para poñer en valor o amplo arquivo dos medios públicos, na canle temática “Pasou o que pasou” incluirase un monográfico sobre as letras galegas, con materiais accesibles para ser empregados por centros educativos, institucións públicas e outros organismos. 

O acto de presentación das actividades do Día das Letras Galegas en que participou hoxe Rosa Vila estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. A presentación estivo organizada conxuntamente pola Xunta, a Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega (CCG). Rodríguez definiu a Casares como “un loitador desde a moderación” e un “exemplo de galeguismo”, e avogou, xunto con Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, por achegar a súa figura aos máis novos. O acto tamén contou con Xavier Casares, irmán do homenaxeado e presidente da Fundación Carlos Casares. 

 

Foto: A directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, no acto de presentación das actividades do Día das Letras galegas (autora: Conchi Paz)