CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG participa no 'Pitch Day' de Startups R Dico Challenge, proxecto de apoio ao emprendemento no sector TIC

07/03/2019

Nesta xornada, celebrada na Cidade da Cultura, os 20 preseleccionados expuxeron as súas ideas para algún dos cinco retos lanzados pola aceleradora co fin de convencer da súa utilidade e viabilidade

Na súa intervención, o director de Innovación e Negocio do ente público, Xosé Pereira,  incidiu en que a CRTVG aposta pola innovación e participa activamente na transformación dixital do sector audiovisual galego

A CRTVG participa no 'Pitch Day' de Startups R Dico Challenge, proxecto de apoio ao emprendemento no sector TIC

Santiago, 07.03.2019.-    A CRTVG participou esta mañá no chamado ‘Pitch Day’, ou xornada de presentación de proxectos finalistas do programa da aceleradora startups R DiCo Challenge, proxecto de apoio ao emprendemento no sector TIC, que se desenvolveu na Cidade da Cultura, en Santiago. Nesta xornada de ‘pitching’ ou defensa de candidaturas, os 20 preseleccionados expuxeron as súas ideas para algún dos cinco retos lanzados pola aceleradora co fin de convencer, entre outras cousas, da súa utilidade e viabilidade.

No acto participaron o director de Innovación e Negocio da CRTVG, Xosé Pereira; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o director de Innovación e Desenvolvemento de Produto de R e do Grupo Euskaltel, Javier Rodríguez Gil.

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, lembrou que startups R Dico Challenge se enmarca no Plan Dico Mindset para promover o sector dos contidos dixitais en Galicia, unha estratexia impulsada desde a Administración Autonómica en colaboración co Clúster TIC e do Audiovisual de Galicia para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina arredor de 900 empresas con preto de 5.400 empregados.

    Pola súa parte, Xosé Pereira, director de Innovación e Negocio da CRTVG, que patrocina un dos retos, incidiu na súa intervención en que ‘a CRTVG aposta pola innovación e participa activamente na transformación dixital do sector audiovisual galego. Acordos coma este van nesta boa dirección e esperemos que haxa moitos máis’.

    Na xornada, os vinte participantes foron expoñendo as súas propostas nun máximo de cinco minutos,  para defender e convencer das vantaxes da aplicación da súa idea e do modelo de negocio que teñen previsto para desenvolvela. As 20 candidaturas proceden de startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e mesmo dalgún centro tecnolóxico e universitario.

    Trala xuntanza do comité avaliador, coñeceranse en vindeiros días os cinco emprendedores e/ou empresas escollidos para pasar á fase de aceleración e completar ese último treito do programa de startups R DiCo Challenge para este ano. Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e a axuda económica da AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos, en que traballarán man a man co operador R, con acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio. Os que desenvolvan o reto patrocinado pola CRTVG contarán, pola súa parte, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas. A primeira edición de startups R Dico Challenge pecharase cunha xornada ‘Demo Day’ a finais deste verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances acadados.

    O obxectivo desta iniciativa é rendibilizar a medio prazo as solucións que xurdan e axudalas a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado. Outras finalidades son a xeración de emprego, o fomento do emprendemento e o pulo á innovación tecnolóxica a través do apoio a emprendedores e empresas novas ou consolidadas, relacionadas co ámbito dos contidos dixitais, de dentro ou de fóra da comunidade.