CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG participa no panel sobre canles públicas e estratexia dixital do Festival Carballo Interplay

09/09/2021

O director de Innovación e Negocio da Corporación, José Pereira, participa no encontro, no que exporá o papel da CRTVG como motor de innovación no eido tecnolóxico galego

Ademais, as xornalistas Alba Mancebo e Esther Estévez moderaron este xoves o primeiro encontro transversal de creación galega online no marco deste festival de contidos dixitais e webseries 

A CRTVG participa no panel sobre canles públicas e estratexia dixital do Festival Carballo Interplay

Santiago de Compostela, 09.09.2021.- O director da área de Innovación e Negocio da CRTVG, José Pereira, participará este venres no panel “Contidos dixitais e innovación. Onde poñen o foco as canles públicas?” (11.30h) do festival de contidos dixitais e webseries, Carballo Interplay. José Pereira exporá a estratexia de dixitalización dos medios públicos e as novas plataformas da Corporación, como a futura OTT, así como o papel da CRTVG como motor de innovación no eido tecnolóxico, despois de completar a dixitalización dos seus sistemas de produción. 

Na mesma ponencia participará o xestor de proxecto en RTP Lab, Rogério Gomes, da televisión pública portuguesa. Ata o sábado 11 de setembro, o Carballo Interplay reúne a diferentes profesionais do mundo dixital e audiovisual nun evento con coloquios, encontros e debates arredor de novas linguaxes, innovadoras propostas e modos de entender a narración e a cultura audiovisual en relación coa rede. 

O festival achegouse este xoves á comunidade dos podcast, Youtube, TikTok, Twitter e Twitch no primeiro encontro transversal de creación galega online, moderado polas xornalistas da CRTVG, Alba Mancebo e Esther Estévez. Baixo o título ‘Masters de internet’, desenvolvéronse dous paneis nos que se abordaron cuestións arredor das narrativas dixitais en Galicia, da man de creadores como Olaxonmario, Nee Barros, Isaac González, Samuel L. París, Carme D. Prol, Malva, Jon Amil e Miral cousinha. O Carballo Interplay naceu en 2014 como un encontro de carácter pioneiro, xa que foi o primeiro festival de webseries de España.