CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG ofrece o luns o primeiro debate electoral e unha programación especial desde as 19:30 h

26/06/2020

A CRTVG emitirá, desde San Marcos, un programa especial de seis horas en directo. O debate poderá ser seguido tamén pola Radio Galega, na G2 -con intérprete de lingua de signos-, a web crtvg.gal e a canle de YouTube da Corporación -tamén con lingua de signos-

As normas e orde de participación serán as pactadas polos representantes das sete forzas políticas nunha reunión celebrada esta semana
 

A CRTVG ofrece o luns o primeiro debate electoral e unha programación especial desde as 19:30 h

Santiago de Compostela, 26.06.2020.-    A CRTVG organiza e emite o vindeiro luns 29 de xuño o primeiro debate electoral para os comicios do 12-X entre as sete formacións políticas que teñen en Galicia carácter de 'grupo representativo' ou de 'grupo político significativo'.    

O debate celebrarase a partir das 21.30 h, e poderase seguir a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega, a G2 -con intérprete de lingua de signos-, a canle de YouTube da Corporación –tamén con intérprete en lingua de signos-, e a través dos medios dixitais da CRTVG. A TVG ofrecerá un 'Especial informativo' xa desde as 19.30 h, presentado por Ana Celia Vázquez, en que participarán os analistas Ana Luísa Bouza, Xosé Luís Gómez, Xosé Luís Barreiro Rivas e Roberto Blanco Valdés, que irán analizando os instantes previos e posteriores ao evento. O debate será moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López desde o Estudio 5 de San Marcos.

Os sete candidatos/as dos denominados electoralmente 'grupos representativos' (Alberto Núñez Feijóo polo PP; Pancho Casal da Marea Galeguista, Gonzalo Caballero do PSdeG e Ana Pontón, polo BNG) e os dos denominados 'grupos políticos significativos' (Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común; Beatriz Pino, de Ciudadanos e Ricardo Morado, de Vox) confrontarán as súas posicións sobre asuntos de máximo interese para a cidadanía, divididos en catro bloques: 1) Galicia e a COVID: xestión, nova normalidade, reconstrución; 2) Políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais xerais; 3) Políticas sociais e de benestar, educación, sanitarias e 4) Modelo institucional, pactos, gobernabilidade e encaixe de Galicia no Estado. Tanto a fórmula para a asignación de tempos a cada formación como o carácter dos diferentes grupos veñen establecidos pola Lei Orgánica de Réxime Electoral (LOREG) e as instrucións da Xunta Electoral Central.

As normas e a orde de participación serán as pactadas polos representantes das sete forzas na reunión celebrada esta semana nas instalacións da CRTVG en San Marcos. Así, o debate comezará cun minuto de apertura para cada candidato/a, que disporá en cada bloque de catro minutos para as súas intervencións. Ao remate do debate, cada formación disporá de novo dun minuto para a súa mensaxe de peche.

A actual situación sanitaria obriga a extremar as medidas de precaución e hixiene para garantir a seguridade dos traballadores/as da CRTVG, os candidatos/as e os representantes do equipo que os acompañen neste debate.

A Corporación empregará un amplo dispositivo de recursos humanos e técnicos para garantir a calidade e pluralidade que require un debate electoral de máximo nivel. Este debate dos principais candidatos será o primeiro dos 9 encontros que organizará a CRTVG nos 15 días de duración da campaña xa que haberá tamén oito debates de carácter provincial,  divididos nos mesmos bloques temáticos e 14 entrevistas personalizadas cos candidatos dos sete partidos.